Un proxecto web que acaba de recibir mención honorífica nos premios Prisma Casa das Ciencias.
Unha completa sección ‘Vexetais’, con imaxes e descricións de árbores, matos, plantas, fentos. Tamén un espazo sobre hábitats que fai repaso de características e factores relacionados por ecosistemas costeiros, bosques, lagoas, prados, turbeiras, ríos, etc. Un apartado adicado a espazos protexidos e outros contidos adicionais.
Todo isto recolle o sitio web Vexetaciondegalicia.es, que subliña a pé de páxinas unha frase de Carl von Linné: “Se ignoras o nome das cousas, desaparece tamén o que sabes delas”.
A web recibiu Mención Honorífica no apartado web dos premios Prismas Casa das Ciencias 2011, polo seu carácter didáctico e educativo, lexibilidade e boa navegabilidade. O proxecto é obra de María Jesús Mourazos González.