A compañía Redrum Teatro reinventa os contos tradicionais para divertir e educar a un tempo.
A interpretación da comedia musical ‘Moito conto’ corre a cargo de Mónica García, no papel da malvada madrasta e da manipuladora froiteira; Guillermo Carbajo como Pepiño, un Peter Pan diferente, obsesionado por medrar e converterse nun adulto; e Tamara Canosa como Manola, a irmá de Pepiño, unha rapaza inqueda e impulsiva. Para a posta en escena desta peza, a propia compañía fíxose cargo do deseño da escenografía, Manuel Riveiro asumiu o espazo sonoro e Carlos Álvarez-Ossorio, a iluminación.
A obra, dirixida por Alex Sampayo e estreada o pasado mes de maio en Santiago, ten o obxectivo a través do seu espectáculo de axudar á concienciación medioambiental. O texto, escrito polo propio Sampayo en colaboración con Guillermo Carbajo e Tamara Canosa, adapta o popular Hansel e Gretel dos irmáns Grimm e chimpa a través de contos tradicionais coa fin de estimular a creatividade dos máis pequenos e chegar aos recordos dos maiores, convidándoos a ser nenos de novo. De xeito innovador, optouse ademais pola utilización escenográfica de materiais reciclados.
Pepiño e Manola, dous rapaces que, enganados pola súa madrasta, acabarán perdidos no bosque e vivirán unha aventura que os cambiará para sempre: os nenos terán nas súas mans o destino dos contos e dos soños e terán que salvalo convertendo o que consideraban defectos en virtudes. Como ensinanza desta historia afloran valores tales como a autoestima e a aceptación da nosa identidade, as relacións de complicidade fraternal, a importancia de aprender a escoitar e a pensar antes de actuar ou o valor do traballo en equipo.
A obra conta coa colaboración de Sogama e da Fundación Paideia e está agora de xira polo país. As vindeiras representacións serán en Muros, Malpica e A Coruña.