Xogo tradicional, deporte tradicional e educación

Xogo tradicional, deporte tradicional e educación III Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico. En Melide, o 21 e 22 de outubro.

Organizado por Nova Escola Galega e a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional terá lugar a que é a única actividade deste tipo relacionada co xogo tradicional que se celebra actualmente en Galicia.

Nesta terceira edición da actividade os organizadores queren afondar nalgúns aspectos apenas bosquexados nas precedentes, ao tempo que opta por reservar espazos específicos para o coñecemento e a reflexión sobre algúns deportes tradicionais galegos. Precisamente para a práctica dalgunhas destas modalidades deportivas contarase cos propios xogadores-protagonistas da súa
recuperación.

Os obxectivos:

1. Achegarse á cuestión do xogo tradicional desde unha óptica global, atendendo aos procesos de recuperación do patrimonio lúdico que se están desenvolvendo desde diferentes ámbitos.

2. Analizar o xogo tradicional como manifestación cultural, e en especial o seu papel específico na construción da identidade.

3. Poñer en común a función do xogo tradicional na educación e as estratexias de introdución do patrimonio lúdico galego no ámbito escolar.

4. Investigar posibles estratexias de recuperación do patrimonio lúdico galego desde o ámbito dalgunhas didácticas específicas e valorar o seu papel no desenvolvemento dos procesos educativos.

5. Practicar unha importante batería de xogos e deportes de diferente tipoloxía e poñer en común variantes das modalidades propostas, e mesmo outras diferentes.

Tradición cultural e xogo

Xogo de tradición cultural, xogo tradicional, xogo popular… é aquel xogo nacido no seo dunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, necesidades inevitablemente marcadas polo seu modo particular de vida.

Os xogos tradicionais forman parte da cultura da comunidade en cuestión como creación propia e singular e son transmitidos de xeración en xeración, de pais a fillos, de avós a netos, implicando esta transmisión unha interrelación entre persoas adultas e nenos/as dun grande valor educativo.

O pobo galego foi quen a crear infinidade de maneiras de dar resposta ás súas propias necesidades lúdicas, ao tempo que tamén tivo a capacidade de transmitir esas creacións ás novas xeracións. O patrimonio lúdico galego é un dos máis ricos da Península Ibérica, e o proceso de recompilación e de divulgación dos xogos tradicionais galegos colleu certa forza nas últimas décadas pois, ademais de teren aparecido estudos que catalogan e analizan os xogos galegos, téñense posto en marcha iniciativas de recuperación desde moi variadas perspectivas, pero sobre todo desde o ámbito escolar.

Documentación e información sobre a anterior edición: O xogo tradicional e as didácticas específicas

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*