Campo de sombras; Sombras vivas; Misterio en Imaxes; Cine Plástico; Cultura Material; Visitas guiadas. Obradoiros para todas as idades.
Datas:
15 Outubro 2011 – 15 Xaneiro 2012
De martes a venres. Reserva previa
Sombras vivas. Obradoiros didácticos para Educación Infantil. Duración: 60 min.
Tras facer unha visita guiada á exposición Rui Chafes. Campo de sombras, os alumnos analizarán as formas, reais ou imaxinarias, que lles inspiran as esculturas da mostra. Xa no obradoiro, os nenos disporán de perfís recortados en plástico, cartolina… diferentes materiais con distintas propiedades físicas que lles axudarán a distinguir conceptos como elasticidade, dureza, rixidez ou flexibilidade. Axudados por focos os alumnos proxectarán as sombras dos perfís sobre a parede, creando un campo de Sombras Vivas no que os recortes -inspirados nas formas das pezas de Rui e noutros obxectos cotiáns- transformaranse en fantásticos animais, en labaradas, en flores ou en calquera cousa que imaxinemos.
Campo de sombras. Obradoiros didácticos para Primaria. Duración: 90 min.
Partindo de conceptos semellantes aos do obradoiro anterior, esta actividade inclúe un xogo de agudeza visual no que terán que recoñecer a través dos perfís que lles entregará o monitor as esculturas que lles corresponden, tras o que debuxarán e recortarán as súas propias vistas das pezas en cartolina: escollerán a obra que máis lles guste, elixirán un punto de vista e reproducirán nun perfil recortado. Na última parte do obradoiro, proxectarán as figuras nunha pantalla.
Misterio en imaxes. Obradoiros didácticos para ESO. Duración: 90 min.
A proposta didáctica para os alumnos da ESO comeza cunha visita guiada á exposición Bernardí Roig. Teorema (interrumpido), onde Roig amosa unha serie de vídeoinstalacións inspiradas en títulos fundamentais da historia de cine. Partindo desta idea, os participantes no obradoiro tomarán como modelo unha peza do artista que fai referencia á película Blow Up de Michelangelo Antonioni, na que Roig constrúe un story-board con fotografías, debuxos e anotacións dunha instalación das súas esculturas, figuras que están agochadas ou incluso enterradas, en referencia ao suposto cadáver que o protagonista de Blow Up cree distinguir ao revelar unhas fotografías tomadas nun parque. Así, os alumnos traballarán na elaboración dunha secuencia fotográfica que presente pistas ao redor dun feito misterioso, para o que utilizarán maniquíes articulables que servirán para realizar un story-board dunha película de intriga.
Cine plástico. Obradoiros didácticos para Bacharelato. Duración: 90 min.
Tras visitar a exposición de Bernardí Roig, os participantes no obradoiro coñecerán en profundidade a proposta do artista mallorquino tomando como referencia o proceso que este desenvolve para levar a cabo as súas vídeoinstalacións inspiradas en películas de realizadores como Antonioni ou Herzog: Roig manipula as imaxes das películas escollendo aqueles instantes ou puntos de vistas que lle interesan, para posteriormente dar forma a unha obra totalmente diferente. De igual modo, neste obradoiro os alumnos inspiraranse na exposición para crear pezas escultóricas seguindo a técnica divulgada polo artista Mark Jenkins (www.xmarkjenkinsx.com), obtendo bonecos de plástico translúcido que situarán no espazo da mostra para fotografalos, realizando deste xeito unha intervención propia no museo.
Domingos ás 12:00 h. Reserva previa
Cultura material. Obradoiros didácticos para familias. Duración: 90 min.
Este obradoiro está dirixido a familias con nenos en idade correspondente a Educación Infantil ou Primaria, e céntrase na exposición Rui Chafes. Campo de sombras. Durante a vista á mostra proporanse unha serie de xogos que terán continuidade no espazo do obradoiro, unha actividade baseada nos recursos materiais e conceptuais da didáctica deseñada para escolares de Educación Infantil e Primaria.
Sábados ás 19:00 h. Sen reserva previa
Visitas guiadas para adultos
Alternaranse as visitas ás dúas mostras comezando a partir do 15 de outubro coa visita guiada á mostra Bernardí Roig. Teorema (interrumpido).
Todas as reservas faranse directamente co monitor, Tonecho Otero, no teléfono 657417857