Recomendacións a familias, administración e empresas sobre uso de internet por parte de adolescentes

Recomendacións a familias, administración e empresas sobre uso de internet por parte de adolescentes Incluídas no informe do Valedor do Pobo sobre hábitos da mocidade na rede, ciberdependencia e control parental.

O 53% dos adolescentes galegos navegan por Internet sen control dos pais. Ese é o dato salientado desde a oficina do Valedor do Pobo ao fío do recentemente publicado informe ‘Adolescentes e Internet en Galicia’.

Benigno López González presentou este documento sobre os hábitos dos adolescentes galegos na rede, con resultados que cualificou de “rechamantes sobre o control parental, o uso das redes sociais, e a perigosidade das súas prácticas”. O documento conclúe con 50 recomendacións dirixidas ás familias, aos poderes públicos e ás empresas subministradoras de servizos co obxecto de mellorar comportamentos.

Cerca do 80% dos estudantes que utilizan internet, non tivo nunca ou case nunca unha discusión cos seus pais polo seu uso. “Estase a apreciar unha diferencia xeracional notoria neste ámbito, xa que un de cada catro pais dos alumnos non empregaron nunca ou case nunca Internet””, afirmou o Valedor do Pobo, que tamén indicou que “canto menor é o coñecemento e utilización de Internet por parte dos pais, menor tende a ser o control exercido sobre os fillos, o que catapulta as familias a un dos primeiros postos na necesidade de desenvolver un traballo a nivel preventivo”.

Ciberdependentes
Como novidade, a enquisa desenvolvida polo Valedor permitiu obter indicadores propios de ciberdependencia en Galicia á marxe de extrapolacións de estatísticas europeas ou estatais. A tenor dos resultados un 18.7% dos rapaces presentaría un risco elevado e un 5.9% claros indicios de ciberdependencia.

O Valedor indicou que entre os individuos que presentan unha puntuación elevada na escala de dependencia estanse a apreciar patróns comúns: conéctanse a internet practicamente todos os días, polo regular máis de 2 horas ao día e a partir das 9 da noite. A maioría teñen conexión no seu cuarto, utilizan o messenger con regularidade e case o 30% emprega cámara web.

Redes sociais
Se existe un servizo estrela que atrae aos rapaces galegos son as redes sociais. “O nivel de coñecemento das redes sociais entre os estudiantes de ESO na comunidade galega é moi elevado”, afirma o Valedor. De feito, o 85,1% dos mozos está rexistrado en alomenos unha delas, case o 40% en dúas e ata un 15.9% en tres ou máis. Tuenti e Facebook non só resultan as máis coñecidas entre a mocidade, senón que tamén son as máis seguidas.  O 81.4% dos enquisados teñen perfil en Tuenti  e o 57% en Facebook, seguidas de lonxe por Twitter e MySpace, cun 14 e un oito 8% respectivamente.

Recomendacións expostas
Logo das conclusións do informe, o documento achega unha escolma de recomendación, entre elas, as seguintes:

Computador compartido: É preferible que o computador sexa de uso familiar e non de uso exclusivo do menor.

Localización do computador
: O computador debe estar situado nun lugar común da casa. Se ten cámara web é imprescindible que así sexa.

Formación dos proxenitores: os pais teñen que esforzarse para lograr unha adecuada cultura e socialización dixital, mellorando o seu nivel de información sobre internet e os diferentes usos que se poden facer da rede. En particular, deben coñecer os usos máis comúns que a poboación adolescente fai desta.

Formación dos rapaces: Os pais deben aconsellar aos fillos sobre as posibilidades e perigos de Internet. Eles son os principais responsables da súa educación, polo que non poden facer abandono das súas funcións nun ámbito tan importante como este. Os pais teñen que ensinar aos seus fillos a dicir que non e a que pidan axuda antes de que sexa demasiado tarde, a fomentar o espírito crítico e a percibir o risco.

Tempo de uso
: Hai que ser conscientes do tempo que os menores empregan no uso de internet. Se este resulta excesivo, debe limitarse propondo alternativas de lecer ou formación adecuadas.

Axeitada protección dos datos: A publicación dunha información, e a determinación do nivel de acceso que se lle outorga, debe facerse de maneira reflexiva, non precipitada, aplicando en todo caso un criterio restritivo. Neste sentido, convén depurar a lista de contactos e reconfigurar as opcións de privacidade facéndoas máis estritas. Son numerosos os datos que teñen que protexerse: nome, apelidos, dirección, teléfono, mail, imaxes, claves, contrasinais, etc. Unha información subida a internet é posible que quede a disposición de calquera.

Espírito crítico: A navegación en internet ten que ir acompañada do desenvolvemento dun espírito crítico que permita filtrar a información á que se accede, corroborala noutras fontes e ser dono das propias decisións.

(…)

O informe ao completo con todas as recomendacións pode descargarse aquí: “Adolescentes e Internet en Galicia” (Outubro 2011)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*