A iniciativa levada a cabo no CEIP de Aguiño foi premiada na convocatoria ‘Francisco Giner de los Ríos’ á mellora da calidade educativa.
“Esta wiki é un obradoiro de estimulación á linguaxe nas súas múltiples vertentes, en especial na oral, onde apostamos pola transversalidade da competencia dixital e a Educación Artística como fonte de estimulación fusionada coa vivenciación corporal en contextos físicos, ampliando deste xeito os esquemas de coñecemento emocionais, cognitivos, sociais e interpersoais dos nenos e das nenas”.
Deste xeito se presenta o espazo web Wikiespellos, acompañado dunha imaxe do ‘Home da Graña’, elixida polos propios cativos para ser portada da web.
O proxecto foi recoñecido nos XXVII Premios «Francisco Giner de los Ríos» á mellora da calidade educativa. Concretamente, no apartado de premios a traballos ou experiencias pedagóxicas de profesor ou equipo de profesores, a convocatoria do Ministerio de Educación premiou esta iniciativa na etapa de segundo ciclo de Educación Infantil, un galardón dotado con 15 mil euros. A autora de ‘Wikiespellos’ é Uxía Acuña Abalde, do CEIP de Aguiño, en Ribeira.