Máis de 10.000 alumnos/as de 165 centros escolares participarán nas videoconferencias organizadas pola CGENDL no Día da Ciencia en Galego

Máis de 10.000 alumnos/as de 165 centros escolares participarán nas videoconferencias organizadas pola CGENDL no Día da Ciencia en GalegoA Coordinadora Galega de ENDL organiza dúas videoconferencias vía web con motivo da celebración do II Día da Ciencia en Galego o vindeiro venres 4 de novembro.

Dona María Isabel Fraga Vila, directora do Museo de Historia Natural da USC, e don Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal Ángel Carracedo, falarán para o alumnado de Primaria e Secundaria respectivamente, que terá a posibilidade de interaccionar cos relatores a través dun chat.

O Día da Ciencia en Galego ten como obxectivo mostrar que a lingua galega é un idioma apto para o desenvolvemento das materias científico-técnicas no ensino, ámbitos excluídos para o galego en diferentes niveis educativos segundo o Decreto para o Plurilingüismo.

No marco das actividades do II Día da Ciencia en Galego que se celebra este venres 4 de novembro, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ofreceulles aos centros de ensino non universitario a posibilidade de participar en dúas videoconferencias que serán posibles grazas á colaboración do Servizo de Normalización Lingüística e a Área Multimedia e TIC da Universidade de Santiago de Compostela.

Na primeira das videoconferencias, que comezará ás 10:30, Mª Isabel Fraga Vila, profesora e membro da cátedra de Botánica da USC e directora do Museo de Historia Natural da universidade, ofrecerá una charla para o alumnado de ensino primario baixo o título “Sabes por que 2011 é o Ano Internacional dos Bosques?”. Dúas horas máis tarde, ás 12:30 e tamén cunha duración dunha hora, dará comezo a videoconferencia dirixida ao alumnado de ensino secundario co título “Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial”, cuxo relator será o profesor Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC, que falará para os estudantes desde a cidade brasileira de Natal, onde se encontra como relator nun congreso internacional de especialistas sobre a materia.

A resposta dos centros educativos está sendo moi boa e superou as expectativas da organización, posto que xa se cubriron as 100 conexións existentes para os centros de secundaria e algo máis de 60 para os centros de Primaria. En total, serán algo máis de 10.000 rapaces e rapazas de toda Galicia os que seguirán as intervencións dos conferenciantes, aos que lle poderán dirixir preguntas a través dun chat na propia sala virtual da videoconferencia.

Con esta actividade, e outras presenciais que se organizan nos centros escolares e na propia universidade compostelá, preténdese que o alumnado aprenda ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre as posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma. Os colectivos convocantes queren expresar deste xeito que as linguas, neste caso o galego, se aprenden usándoas en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar de que a Consellería de Educación a excluíse como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos coa aplicación do Decreto para o Plurilingüismo.

Día da Ciencia en Galego

COMPARTIR

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*