Os ‘Cantajuego’ animarán o Nadal en Lugo

Os 'Cantajuego' animarán o Nadal en Lugo O musical do que tanto gustan os máis cativos estará o 4 de xaneiro no Pazo Provincial dos Deportes.

‘Nadal na aldea encantada’ é o espectáculo especial que poderán ver as rapazas e rapaces que acudan ao Pazo dos Deportes lugués o vindeiro 4 de xaneiro na véspera de Reis. Os CantaJuegos chegarán a Lugo acompañados dos seus grandes amigos, Coco, o burrito Pepe, Buby, o pallaso Tallarín e moitos máis. Moito traballo espéralles para preparar unha festa tan importante, pero recibirán unha axuda máxica e inesperada coa que non contaban. Ademais, como todos se encontran lonxe, terán que emprender unha longa viaxe para chegar a tempo á celebración: trens, avións e trineos máxicos serán os encargados de xuntar este divertido grupo de singulares personaxes, nun colorido espectáculo cheo de música, ritmo e humor.

A representanción en Lugo terá lugar o día 4 de xaneiro ás 18:30 horas. As entradas xa están dispoñibles nos canles de venda de NovaCaixaGalicia a partir de 10 euros. O pazo conta cun aforo de 4.300 localidades numeradas para esta representación.

Fenómeno infantil da década

O tenente alcalde e responsable das áreas de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o nacionalista Antón Bao, presentou esta mañá xunto ao responsable da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e a Jorge López, representante de Esmerarte, a empresa promotora do espectáculo, o musical infantil. Bao destacou que se trata “dunha oportunidade extraordinaria para levar aos máis pequenos a gozar dun espectáculo de referencia no lecer infantil, xa que será a única actuación de CantaJuego en Galiza” durante o Nadal.

CantaJuego é un proxecto pedagóxico-musical en formato teatral e audiovisual, desenvolvido por especialistas na estimulación psicomotriz e no traballo psicopedagóxico, que estimula a imaxinación e a fantasía coa fin de potenciar o mundo afectivo e as relacións sociais entre os máis pequenos. O proxecto naceu no ano 2004, cando os directores de DiverMusic decidiron lanzar o primeiro volume de CantaJuego, que consistiu nun DVD e CD musicais cunha revisión do cancioneiro popular infantil español e iberoamericano.

Pouco a pouco e mediante o boca-orella, foi coñecéndose nos centros educativos e nas gardarías e grazas ao éxito nestes ámbitos, o proxecto chegou directamente ás familias, que, dende entón, poden compartir na casa as actividades dun lecer creativo que reforza o desenvolvemento educativo e a integración. En pouco tempo, a proposta alcanzou un alto grao de aceptación e fixo de CantaJuego o fenómeno infantil da última década. As cifras o confirman e dende a primeira xira que ofreceu en 2008 acumula máis de 150.000 espectadores. Nas máis de 40 representacións en 2008 e durante os seis meses que permaneceu en cartel no 2009 cada día colgou o cartel de “entradas esgotadas”.

Colaboración de institucións para aforrar custos

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o tamén nacionalista Mario Outeiro, destacou pola súa banda a boa sintonía existente entre ambas institucións e falou da necesidade de programar “actividades que xunten a toda a familia entorno aos nenos e nenas” e explicou que “as actividades que desenvolve Cantajuego teñen unha altísima aceptación entre o seu público obxectivo, os nenos e nenas, xa que así o demostran as cifras de vendas de material audiovisual coas súas creacións e a cantidade de persoas que se achegan aos seus espectáculos”. Por todo isto, Mario Outeiro afirmou que “agardamos que esta actividade sexa un éxito de público, como todo nos fai indicar que será pola expectación que está a despertar”. Outeiro destacou a importancia que ten, nestes tempos de crise, unir esforzos e crear sinerxías entre institucións para poder levar a cabo proxectos deste tipo cos menores custes.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*