Pola permanencia de Preescolar na Casa

Preescolar na Casa - Mesa Galega do RuralCompartimos con vós o pronunciamento da Mesa Galega de Educación Rural en prol do proxecto.

A Mesa Galega de Educación no Rural, integrada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Nova Escola Galega (NEG), Coordinadora Galega de CRAs, Preescolar na Casa e CIG Ensino, CCOO, CSI-F, STEG, UGT, denuncia o brutal recorte por parte da Administración Autonómica a Preescolar na Casa, poñendo en perigo a continuidade das actuacións educativas en beneficio de nenos e nenas do medio rural e colectivos desfavorecidos.

Dada a dispersión poboacional característica no rural do noso País consideramos que Preescolar na Casa está a cumprir unha función que ata o de agora a Administración non se formulou seriamente. Unicamente o fixo apoiando este proxecto, sempre sen xeneralizalo, o cal sería o ideal. A atención educativa aos nenos/as de cero a tres anos é irrenunciable nunha sociedade moderna; pero atender á infancia a través do apoio á reflexión-formación dos pais/nais sobre o feito educativo dos seus fillos supuxo un avance de tal magnitude que, onde o programa estivo ou está a funcionar, pálpase unha diferenza en positivo que coñece moi ben o profesorado que recibe estes nenos e nenas.

O integrantes desta Mesa denunciamos a máis que certa desaparición dun programa que leva traballando a prol da infancia, da familia e da sociedade galega, a partir da idea inicial de Antonio Gandoy, desde o ano 1977 e que ten ao medio rural como núcleo prioritario das súas actuacións.

Ao longo da súa longa traxectoria -caracterizada pola innovación e anticipación a leis educativas e recomendacións europeas- máis de 90.000 nais e pais acompañados dos seus e fillos e fillas aprenderon a mellorar a súa competencia parental; reflexionaron sobre educación e fixérono acompañados do labor inestimable de máis de 200 profesionais da educación, quen souberon achegarse a eles -percorrendo unha media de 80.000 quilómetros anuais- para ofrecerlles un tempo de crianza compartido, ao tempo que lles axudaba no seu rol de pai e nais.

Denunciamos a desaparición deste modelo de intervención educativa pioneiro, orixinal, preventivo, vertebrador do territorio e referente en canto á implicación das familias na educación dos seus fillos e fillas. Un modelo en galego feito para a realidade socio-educativa galega, que está a ser referente, en canto ao traballo coas familias, noutras comunidades do Estado e países.

Denunciamos que, xusto agora, a cinco anos de que o Comité de Ministros do Consello de Europa acordase unha recomendación aos estados membros para que …tomen tódalas medidas lexislativas, administrativas, financeiras e doutro carácter… para promover o exercicio positivo da parentalidade, a Administración Autonómica Galega recorte as subvencións que viña dando para que este servizo esencial funcionase e déixao en risco evidente de desaparición.

Denunciamos que algo que está sendo pioneiro e referente se deixe morrer no canto de xeneralizarse e universalizarse.
Desde esta Mesa SOLICITAMOS con carácter de urxencia unha solución que faga viable os servizos que desenvolve Preescolar na Casa, polo ben das familias e dos seus fillos e fillas, polo ben do equilibrio territorial; en definitiva, polo ben da sociedade galega.

En Santiago a 8 de novembro de 2011

Podedes asinar tamén a Petición de sinaturas pola continuidade de Preescolar na Casa

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*