A Síndrome de morte Súbita do Lactante: Pódese previr?

A Síndrome de morte Súbita do Lactante: Pódese previr?Autor:
José Cristóbal Buñuel Álvarez
Pediatra de Atención Primaria.
Centro de traballo: Àrea Bàsica de Salut Girona-4 (Institut Català de la Salut)

Palabras clave: síndrome de morte súbita do lactante, prevención, lactancia materna, durmir boca arriba, chupete.


Que é a Síndrome de morte Súbita do Lactante?

Chámase así ao falecemento repentino dun neno menor dun ano de idade mentres está a durmir, sen que existan outros motivos aparentes que poidan explicar o mesmo. A súa causa é descoñecida.

É moi frecuente?

A frecuencia pode variar segundo as diferentes zonas xeográficas. En España, afortunadamente, é baixa en comparación con outros países da nosa contorna: 1,7 casos por cada 10.000 nados vivos.

E a que idade é máis frecuente?

Aínda que xa se especificou que a morte súbita do lactante ocorre en nenos menores dun ano, é á idade de 2-4 meses cando se dá a maior proporción de falecementos. Por encima dos 6 meses de idade é moi pouco frecuente.

Coñécese que factores ou situacións aumentan o risco de que apareza?

Coñécense algúns factores ou situacións que aumentan o risco de aparición. Algúns non poden modificarse. Entre estes están, por exemplo, o baixo peso ao nacemento, ou o antecedente de ter un irmán falecido previamente de morte súbita do lactante. As nais adolescentes, sen parella estable ou solteiras tamén parecen ter maior risco.

Entón, os pais poden facer algo para diminuír o risco?

Actualmente coñécense moitas situacións modificables sobre as que os pais poden actuar para diminuír o risco de morte súbita do lactante:

? Posición do neno no berce ao durmir: sábese que colocar os nenos boca abaixo aumenta o risco. Por tanto, os pais deben colocalo sempre boca arriba (non de lado), polo menos até a idade de 6 meses.
? Tipo de colchón: recoméndase o uso de colchóns duros xa que os brandos asócianse a unha maior frecuencia de aparición de morte súbita.
? Temperatura: débese evitar sobrearroupar ao neno. Os nenos “non teñen máis frío” que os seus pais e o exceso de roupa de abrigo ao durmir asociouse cun maior risco de morte súbita. Hai que ser aínda máis coidadoso en evitar o exceso de roupa se o neno ten febre (a crenza de que hai que “abrigar ao neno se ten febre” non é certa). A temperatura da habitación do neno tamén é un factor a ter en conta. Recoméndase unha temperatura media de 20-22 º C. Evitaranse as temperaturas máis elevadas no caso de que poida graduarse individualmente a temperatura da habitación.
? Fumar durante o embarazo e despois do parto: o hábito de fumar, tanto durante a xestación como despois do nacemento asóciase a moitas enfermidades infantís. Pero a máis dramática de todas é a morte súbita do lactante. O embarazo, no caso dunha nai fumadora, pode ser un excelente motivo para proporse abandonar o hábito.
? Tipo de lactación. Sábese que a lactación materna diminúe o risco de morte súbita. Por tanto, alentarase ás nais a iniciar este tipo de lactación e a mantela o maior tempo posible.
? Chupete: estudos recentes puxeron de manifesto dous feitos moi importantes: o uso de chupete diminúe o risco de síndrome de morte súbita do lactante, e ademais o seu uso non diminúe a duración da lactación materna. Por tanto é recomendable a súa utilización, se o neno o acepta, cando se lle coloca no berce para durmir.

En resumo, é moito o que os pais poden facer para xerar un ambiente que diminúa o risco deste suceso tan dramático pero, afortunadamente, pouco frecuente no noso país.

En internet existen diversas páxinas, sitios web ou artigos moi útiles para ampliar información sobre este tema:

KidsHealth: “A síndrome da morte súbita en lactantes”. Tradución autorizada na web do Observatorio FAROS do Hospital Sant Joan de Déu de Barcelona: http://www.faroshsjd.net/item.php?id=1094&lang=1 Información dirixida a pais, nais e familias.

Prevención da Síndrome de Morte Súbita do Lactante. Recomendacións PrevInfad -PAPPS: http://www.aepap.org/previnfad/rec_muertesubita.htm Información dirixida a profesionais, pero escrita nunha linguaxe comprensible para os pais.

A lactancia materna asóciase a menor risco de síndrome de morte súbita do lactante. Evid Pediatr. 2011;7:61. http://www.evidenciasenpediatria.es/files/41-11347-RUTA/61AVC.pdf Aínda que é un artigo dirixido a profesionais, as súas conclusións son comprensibles para lectores non sanitarios.

Usar o chupete ao durmir reduce o risco da síndrome de morte súbita do lactante. Evid Pediatr. 2006;2:21. http://www.evidenciasenpediatria.es/files/41-10569-RUTA/Usar%20el%20chupete%20al%20dormir%20reduce%20el%20riesgo%20de%20s%C3%ADn%20.pdf Aínda que é un artigo dirixido a profesionais, as súas conclusións son comprensibles para lectores non sanitarios

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*