Avanza o proxecto “Illas de Reciclaxe” coa formación dos coordinadores

Proxecto Piloto - Illas de reciclaxeOs portavoces desta iniciativa en cada un dos dez centros seleccionados contarán coa información e a bagaxe necesaria para trasladar os coñecementos adquiridos ao resto da comunidade educativa.

Os centros escolares seleccionados recibirán estes dáis os contedores ecolóxicos que conformarán as illas de reciclaxe (amarelo, azul e verde xenérico), ademais dos correspondentes composteiros, que serán proporcionados a aqueles que conten con servizo de comedor.

Recentemente, o profesorado coordinador asistiu a unha xornada formativa, aproveitada para realizar un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda, onde puideron comprobar in situ a xestión das dúas fraccións de refugallos competencia de Sogama: envases lixeiros, que clasifica por tipoloxías para enviar aos centros recicladores, e restos non reciclables, que aproveita en forma de enerxía.

Sogama realizará un seguimento do programa ao longo de todo o curso académico a fin de comprobar o nivel de colaboración, resposta e compromiso de cada centro, así como a calidade do material depositado nos diferentes recipientes de recollida selectiva.

Os centros educativos participantes son o CEIP “Emilio Navasqüés” de Outes, “Areouta” de Fisterra, “San Xoán de Filgueira” e “Cristo Rei” de Ferrol, así como a EFAG “Fonteboa” de Coristanco, todos eles na provincia da Coruña; o CPR “Cervantes” de Lugo e o CEIP “O Salvador” da Pastoriza, na de Lugo; o CEIP de Oca, na Estrada, e o de “As Covas”, en Meaño, ambos na provincia de Pontevedra; e o CPR “Vila do Arenteiro” de O Carballiño, na de Ourense.

Material didáctico e divulgativo
A través de diverso material didáctico e divulgativo déuselles traslado aos coordinadores dos pormenores da xestión de residuos no modelo Sogama, información que complementaron cunha visita guiada ao Complexo Medioambiental de Cerceda, onde tiveron a oportunidade de comprobar por si mesmos os pasos a seguir no tratamento do lixo.

Tras recibir as oportunas explicacións a cargo de persoal técnico da Sociedade, efectuaron un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman esta infraestrutura, dando comezo pola de clasificación de envases lixeiros (bolsa amarela), onde se separan mecánicamente, e por tipoloxías, os refugallos depositados pola cidadanía nos contedores amarelos a fin de que poidan ser trasladados aos centros de reciclaxe e, polo tanto, transformados en novos produtos. A partir de aí, adentráronse no itinerario dos orgánicos e non reciclables (bolsa negra), depositados pola poboación nos contedores verdes convencionais e a partir dos cales acondiciónase un combustible derivado de residuos (CDR) que abastece posteriormente unha planta termoeléctrica para xerar electricidade.

O presidente de Sogama, Luís Lamas, quixo ter un encontro co grupo para coñecer as súas impresións e visión do proxecto, toda vez que a súa implicación e colaboración resultarán esenciais para o éxito do mesmo. Non en van, serán os propios coordinadores os que se encargarán de formar ao resto de profesores, alumnos e persoal auxiliar en xeral a fin de que toda a comunidade educativa realice unha axeitada separación de desperdicios en orixe, introducíndoos nos distintos contedores que conformarán as illas de reciclaxe: un amarelo, para os envases lixeiros, outro azul, para o papel e cartón, e un terceiro de cor verde, para a parte non reciclable.

Seguimento ao longo do curso
Cunha capacidade de 120 litros cada un, os recipientes a subministrar, que están serigrafiados cunha lenda na que se especifican os residuos a introducir nos mesmos, foron fabricados na súa integridade a partir de caña de azucre, o que permitiu diminuír en gran medida a pegada ecolóxica que conlevaría a súa fabricación tradicional con plástico non biodegradable. Serán colocados nos exteriores dos recintos escolares (patios e xardíns fundamentalmente), dispoñendo de sistemas de ancoraxe e seguridade cos que evitar que sexan desprazados polo vento. Ademais, os colexios que dispoñan de comedor contarán igualmente cun composteiro no que depositarán a materia orgánica xerada a fin de fabricar compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes que poderán utilizar nos seus propios xardíns e hortas.

Unha vez implantado o programa, Sogama realizará un seguimento do mesmo ao longo de todo o curso escolar. A finalidade non é outra que a de comprobar o nivel de colaboración, resposta e compromiso da comunidade educativa, así como a calidade do material depositado nos diferentes contedores. Por iso, e sen previo aviso, a entidade realizará inspeccións periódicas a través das cales recabará datos que lle permitirán avaliar o grao de coñecemento e destrezas á hora de separar os refugallos, solventando posibles erros, clarificando dúbidas e, sobre todo, reconducindo malas prácticas. Porque o obxectivo non é outro que o de educar para que Galicia poida alcanzar maiores cotas de reciclado e faga un uso máis eficiente dos recursos, propiciando deste xeito un maior aforro, benestar e calidade de vida.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*