“Con dereitos desde o principio”, será lema da Campaña Mundial pola Educación na súa estratexia en 2012.
Defender o dereito á educación temperá, na etapa que vai desde o nacemento até os 6 anos de idade, é a preocupación para o vindeiro ano 2012 da Campaña Mundial pola Educación (CME). Así o anuncian desde a Plataforma, salientando este obxectivo a tres anos vista do 2015 fixado como meta para a “Educación para Todos e Todas”.
“Con dereitos desde o principio. Por unha educación temperá de calidade”, é o lema completo da reivindicación da importancia da Atención e Educación á Primeira Infancia (AEPI). Subliñan desde a plataforma social que as nenas e nenos son a esta idade tamén suxeitos de dereitos, e entre eles o da educación. Dereitos que deben ser garantidos e respectados polos poderes públicos e pola sociedade. Segundo as estatísticas, os avances realizados nos últimos anos na escolarización Primaria non van acompañados de avance na AEPI.
Cara a 2012, a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME), vai propoñer a actividade bautizada como “A Gran Imaxe”. Deste xeito, pedirán a toda a comunidade implicada que elabore imaxes en formatos diversos e adaptados a diferentes idades sobre o que para eles supón a educación ou sobre algún recordo que queiran rescatar da súa experiencia na escola. Ademais, propoñen acompañar estas imaxes de mensaxes dirixidas aos representantes políticos esixíndolles que poñan os medios necesarios para conseguir o respecto á educación da primeira infancia.