O envellecemento activo e o 25 aniversario do programa Erasmus son temas do concurso no que poden participar alumnos de 15 a 18 anos en equipos de dez.
A Oficina do Parlamento Europeo e a Representación da Comisión Europea en España, en colaboración co OAPEE, o Consello da Xuventude de España e diversos organismos de Educación e Xuventude, convocan a edición XVIII do concurso en liña Euroscola para mozos de 15 a 18 anos, propoñendo como temas centrais o envellecemento activo (ao que se dedica o ano europeo 2012) e o 25 aniversario do programa Erasmus.
Os participantes en Euroscola poderán inscribirse ata o 1 de marzo de 2012 en equipos de dez estudantes máis un profesor. Deberán amosar os seus coñecementos, habilidades, intelixencia e falicidade para o traballo en equipo nunha serie de probas. A fase de competición terá lugar do 20 de febreiro ao 20 de marzo. Tras a proba final, a semana do 16 ao 23 de abril, haberá un finalista por cada comunidade autónoma, dos que resultarán gañadores os nove equipos mellor clasificados.
O premio de Euroscola consiste nunha viaxe a Estrasburgo para tomar parte no programa Euroscola, do Parlamento Europeo, durante o curso 2012/2013. Os centros que vaian á cidade francesa, que non poden ter sido gañadores en edicións anteriores, reciben unha axuda financeira de entre 6.000 e 8.000 euros.
Temática 2012
O tema central nesta ocasión será dar a coñecer as oportunidades que ofrecen os programas europeos de intercambio educativo, a importancia da aprendizaxe durante toda a vida e a solidariedade entre xeracións, xa que en 2012 de celebra o 25 aniversario do Programa de mobilidade Erasmus e o Ano Europeo do Envecellemento Activo e a Solidariedade entre mozos e maiores.