Os xoguetes tradicionais, eixo central do nº51 da Revista Galega de Educación

Revista Galega de Educación - Monográfico Xoguetes TradicionaisXosé Manuel García e Xosé López coordinan este monográfico da publicación de Nova Escola Galega.

O valor educativo e pedagóxico dos xoguetes tradicionais é tema central do número co que a revista editada polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega cruza a fronteira do medio cento de entregas.

Investigadores do patrimonio lúdico tradicional e autores de varias publicacións sobre estes temas, Xosé Manuel García e Xosé López coordinan este monográfico co que a publicación chega ao número 51. Ambos os dous autores asinan a presentación e o artigo titulado “Valor educativo e pedagóxico dos xoguetes tradicionais”.

A revista conta tamén nesta ocasión coa colaboración entre outros do presidente da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais, Guy Jaouen, do erudito portugués João Amado, que escribe o artigo “A historia dos brinquedos na antigüidade clásica”, e do especialista catalán Pere Lavega, da Universidade de Lleida, quen asina a reflexión “Xogo, cultura e sustentabilidade”.

Ademais, o galego Antón Cortizas, cunha ampla investigación sobre os xoguetes tradicionais galegos a piques de saír do prelo, é outro dos colaboradores. (Resumo completo de contidos do número 51 da revista (.pdf).

“Unha sociedade conservadora?”

Por outro lado, baixo este título, “Unha sociedade conservadora?”, o editorial deste número 51 da Revista Galega de Educación contrapón a actualidade recente na escena política coas arelas e demandas defendidas no contexto educativo polo colectivo.

“Vivimos nunha sociedade maioritariamente conservadora e que foxe de si propia, probablemente cara a ningures”, comeza a reflexión, argumentando a continuación que, na liña dos valores defendidos por Nova Escola Galega, “o que nós somos e como nós percibimos a sociedade e a educación que procuramos construír e desenvolver, van noutra dirección”. “Camiñamos noutra ruta, na compaña de tantas persoas que procuran tanto a reforma social, que significa afondamento democrático e sociedade laboriosa, solidaria e xusta, como a construción dunha educación nova, pública, inclusiva e galega”, expoñen, “(…)Convencer democraticamente de que estes dous retos son os axeitados cara a un mundo sostible e de alterglobalización é o reto que imos seguir alimentando desde as nosas prácticas e desde o combate de ideas”, continúa o editorial que poden ler completo na web: Unha sociedade conservadora? (.pdf)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*