
En febreiro ábrese o prazo de inscrición para a competición, de onde sairán os representantes para a SpainSkills 2013.
O alumnado de Formación Profesional de toda Galicia está convocado o vindeiro mes de outubro á II Olimpíada Galega de Formación Profesional, ‘GaliciaSkills 2012’, organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os gañadores do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada de Formación Profesional, SpainSkills 2013, que se celebrará en Madrid do 28 de xaneiro ao 3 de febreiro de 2013.
Os que queiran presentar competidor a esta olimpíada poden atopar os impresos de solicitude no portal educativo, no enderezo http://www.edu.xunta.es/fp/galiciaskills. O prazo de inscrición é do 1 de febreiro ao 31 de marzo de 2012.
Os competidores serán alumnos matriculados en ciclos formativos que voluntariamente queiran participar, e terán unha idade máxima de 21 anos cumpridos durante o ano 2012. Todos eles irán acompañados dun profesor do centro, que actuará como o seu titor e que se encargará da súa preparación para a competición. Non poderá existir ningún tipo de contacto nin intercambio de información durante a realización das probas entre o competidor e o seu titor. A duración de cada competición estará entre media e unha xornada, segundo as características das probas que se teñan que desenvolver. Haberá dous premios por skill.
Proxección pública da FP
Estas olimpíadas galegas da Formación Profesional teñen como obxectivo a posta en valor da calidade e o atractivo das ensinanzas de formación profesional que se imparten nos centros galegos, e potenciar as relacións dos centros nos que se imparten ciclos formativos coas empresas dos sectores correspondentes. Ao tempo, búscase motivar ao alumnado para a mellora da calidade da FP, e recoñecer e estimular o labor do profesorado.
Neste segunda edición GaliciaSkills incrementa o número de especialidades (ou skills) en competición, desde as 12 do primeiro certame ata as 20.
Máis información: GaliciaSkills FP
Anterior: Feixe de medallas no equipo galego do SpainSkills 2011