Luísa Márquez e Xuntos, premios Cidade de Pontevedra 2012

Luísa Márquez e Xuntos, premios Cidade de Pontevedra 2012Homenaxe a esta profesora do IES Luís Seoane de Monte Porreiro e á Asociación de pais e persoas con síndrome de Down “Xuntos”. A acta do xurado recolle o seguinte:

“A profesora Luisa Márquez desenvolve o seu labor profesional o IES Luís Seoane, en Monte Porreiro, dende hai 21 anos. Ademais do seu labor profesional, neste centro encárgase deste xeito estable de dúas actividades fundamentais para o centro: o comité UNESCO e o grupo de teatro “Fiuncho”. O seu labor é moi intenso durante os últimos 19 anos, ao longo dos cales ten acumulado  moitos premios e recoñecementos. Entre eles, salientar o premio Marta Mata do Ministerio de Educación. Son numerosos os relacionados coa súa actividade nas Escolas da UNESCO. A Rede P.E.A é a Rede de Escolas Asociadas á UNESCO na que está integrado o IES Luís Seoane desde novembro de 1997. Luisa Márquez é, dende aquela, responsable de todos os proxectos, ademais de coordinadora galega da rede P.E.A desde 2003, e membro do equipo de coordinación estatal das Escolas Españolas Asociadas á UNESCO”.
Ademais dun amplo curriculum cos méritos desta profesional, a proposta da ANPA do Luís Seoane destaca “ao marxe do listado máis ou menos completo dos seus méritos e premios, ou quizais de xeito paralelo a el, desde ANPA queremos salientar o significado humano e educativo dese listado, as súas consecuencias para os nosos alumnos e alumnas e para as súas familias. Os nosos fillos están en contacto con outros rapaces de Hispanoamérica, África, doutros lugares de Europa a través de correos electrónicos e postais, intercambiando con eles información, fotografías, intereses, participando con eles en proxectos de gran calado humano, social e histórico; salientando o que os une, o que os irmanda, o que os fai máis parecidos a pesar de seren tan diferentes¬… Educar non é soamente o que vén nos libros, e iso sábeo moi ben Luísa Márquez Rodríguez, pioneira da educación inclusiva. Luísa é quen de transmitir todo aquilo que non vén nos libros e espertar nos seus alumnos un espíritu crítico e sobre todo de traballo en equipo”.

Na categoría de Persoa Xurídica, o Premio Cidade de Pontevedra vai para a Asociación de pais e persoas con síndrome de Down “Xuntos”, a proposta de Asociación Juan XXIII. A proposta recolle que “esta entidade conta cunha extensa traxectoria na dinamización e potenciación de servizos e actividades de apoio dirixidas ás persoas con Síndrome de Down de Pontevedra co obxecto de mellorar a súa calidade de vida. Todos os logros conseguidos neste eido son sempre grazas ao esforzo, implicación, tenacidade das persoas que conforman Xuntos.
Down Pontevedra ten como fin xeral mellorar a calidade de vida das persoas coa Síndrome de Down ou outra discapacidade intelectual. Para acadar este obxectivo, centra os seus esforzos e actuacións na consecución dos seguintes fins: fomentar a constitución de asociacións en aqueles lugares nos que  non se cubra a atención das persoas con síndrome de Down, estimular as relacións entre os seus membros, impulsar e potenciar os obxectivos e as actividades dos seus membros, estudar e promover disposicións legais que garantan os dereitos das persoas con síndrome de Down e outros tipos de discapacidade intelectual, establecer programas e accións encamiñadas a promover estudos científicos sobre a síndrome de Down, promover e realizar campañas de información e mentalización social para difundir o coñecemento e a realidade das persoas coa Síndrome de Down”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*