Celia Armesto, coordinadora de Preescolar na Casa, escribe na revista ‘Cuadernos de Pedagogía’.
No artigo, Celia Armesto reflexiona sobre os modelos de atención á infancia que a sociedade necesita e expón que a escolarización “non é a única resposta ás necesidades latentes das familias” e que a administración debera comprender que “a prevención educativa é un investimento, non un gasto”.
“Preescolar na Casa é un servizo que se achega ás persoas, no seu ambiente, no seu contorno máis inmediato”, escribe a coordinadora pedagóxica do proxecto, “PnC acode ás familias para ofrecerlles un servizo que, de entrada, moitas non demandarían, pero que, porén, necesitan“.
“Este é un dos aspectos máis valorados polas familias: poder gozar de como os seus fillos aprenden e se relacionan cun profesional da educación que fai preguntas e dirixe as observacións, tomando como referente o desenvolvemento infantil e o contexto particular de cada familia. Espazos educativos nos que a aprendizaxe e o desenvolvemento de nenos e nenas faise visible, explícase, debátese; espazos nos que se comprende mellor o día a día de cada neno, de cada nena; nos que poder aprender de e cos demais non só actitudes educativas axeitadas senón tamén actividades e propostas que enriquecen a vida cotiá”, recolle a reflexión.
O artigo completo na web de Cuadernos de Pedagogía: Preescolar na Casa, proxecto pioneiro en risco