Manifesto Unesco / IFLA sobre as Bibliotecas Dixitais

Manifesto Unesco / IFLA sobre as Bibliotecas DixitaisSuperando a fenda dixital: facer a herdanza cultural e científica mundial accesible a todos.

O Manifesto da Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecas (IFLA) foi apoiado recentemente pola Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO). Velaí o texto íntegro:

Superando a fenda dixital: facer a herdanza cultural e científica mundial accesible a todos

A fenda dixital é unha fenda de información

Emendar a fenda dixital é un factor chave para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio das Nacións Unidas. O acceso aos recursos informativos e aos medios de comunicación contribúe á saúde e á educación, así como ao desenvolvemento cultural e económico.

A difusión de información permite aos cidadáns beneficiarse dunha aprendizaxe e unha educación ao longo de toda a vida. A información sobre os logros mundiais fai posible que todos participen de xeito construtivo na creación da súa propia contorna social.

O acceso equitativo ao patrimonio cultural e científico da humanidade é un dereito de cada persoa, e contribúe a promover a aprendizaxe e a comprensión da riqueza e diversidade do mundo, non só para a xeración actual, senón tamén para as xeracións futuras.

As bibliotecas foron desde hai moito tempo instrumentos esenciais para fomentar a paz e os valores humanos. O seu actual funcionamento dixital abre unha nova canle ao universo do coñecemento e a información, establecendo contactos entre culturas separadas por fronteiras xeográficas e sociais.

As bibliotecas dixitais

Unha biblioteca dixital é unha colección en liña de obxectos dixitais de boa calidade, creados ou recompilados e administrados de conformidade con principios aceptados no plano internacional para a creación de coleccións, e que se pon a disposición de xeito coherente e perdurable e co respaldo dos servizos necesarios para que os usuarios poidan atopar e utilizar eses recursos.

As bibliotecas dixitais, que forman parte integrante dos servizos das bibliotecas, aplican tecnoloxías novas para dar acceso a peneiras dixitais. Nas bibliotecas dixitais,
as coleccións créanse, adminístranse e póñense a disposición de tal xeito que unha comunidade determinada ou un grupo de comunidades poidan utilizalas de xeito rápido e económico.

As bibliotecas dixitais establecen un mecanismo de colaboración entre as bibliotecas públicas e de investigación, co fin de crear unha rede de información dixital que responda ás necesidades da sociedade da información. É necesario que os sistemas de todos os asociados da biblioteca dixital sexan interoperables.

As bibliotecas dixitais constitúen un complemento dos arquivos dixitais e as iniciativas para a preservación dos recursos informativos.

Misión e obxectivos

A misión das bibliotecas dixitais consiste en proporcionar acceso directo a recursos informativos, dixitais e non dixitais, de xeito estruturado e fiable, para dese xeito relacionar a tecnoloxía da información, a educación e a cultura nas bibliotecas actuais.

Para cumprir esta misión, fixáronse os seguintes obxectivos:

  • Promover a dixitalización, o acceso e a preservación do patrimonio cultural e científico.
  • Brindar acceso a todos os usuarios aos recursos informativos reunidos polas
    bibliotecas, respectando os dereitos de propiedade intelectual.
  • Crear sistemas interoperables para as bibliotecas dixitais, a fin de promover normas abertas e o libre acceso.
  • Fomentar a función esencial das bibliotecas e os servizos de información para a
    promoción de normas comúns e prácticas idóneas.
  • Crear conciencia sobre a necesidade urxente de garantir unha accesibilidade
    permanente ao material dixital.
  • Vencellar as bibliotecas dixitais a redes de investigación e desenvolvemento de alta velocidade.
  • Sacar proveito da converxencia crecente dos cometidos dos medios de comunicación e as institucións para crear e difundir contidos dixitais.

A creación de contidos, o acceso e a preservación

Para crear unha biblioteca dixital son necesarias fontes de contido dixital, tanto dixitalizado como creado en forma dixital.

Moitos países puxeron en marcha programas estatais de dixitalización, e moitos máis o farán nun futuro, como se acordou na Cimeira Mundial sobre a Sociedade da Información.

A IFLA apoia e promove decididamente as estratexias de dixitalización, tanto nacionais como internacionais, así como as iniciativas individuais de bibliotecas ou asociacións
de colaboración. A dixitalización permite crear coleccións virtuais que reúnen materiais de todos os continentes. Ademais, contribúe á preservación de documentos orixinais ou soportes que se están deteriorando.

Débense preservar os produtos da dixitalización, do mesmo xeito que os materiais creados de forma dixital. Todas as iniciativas das bibliotecas dixitais deben comprender plans para a preservación dixital por parte dunha autoridade competente.

As bibliotecas dixitais reúnen coleccións, servizos e persoas para levar a cabo o ciclo
completo de creación, difusión, utilización e preservación de datos, información e coñecementos.

A interoperabilidade e a perdurabilidade son fundamentais para que as bibliotecas dixitais poidan comunicarse entre si. As bibliotecas dixitais que se adaptan a normas abertas e protocolos aceptados comunmente melloran a difusión do coñecemento e o seu acceso en todo o mundo.

A aplicación do manifesto

A IFLA alenta aos gobernos estatais, as organizacións intergobernamentais e os
patrocinadores a recoñecer a importancia estratéxica das bibliotecas dixitais e a prestar un apoio activo á súa creación. As contribucións aos programas de dixitalización a gran escala contribúen a aumentar o acceso a recursos informativos culturais e científicos, e ao progreso de iniciativas nacionais e internacionais de bibliotecas dixitais que sexan sostibles a longo prazo.

Unha lexislación específica e o apoio financeiro de gobernos estatais e locais son
necesarios para solucionar a fenda dixital e lograr un acceso permanente. Toda estratexia a longo prazo debe ter por obxectivo emendar esta fenda e afianzar o desenvolvemento da educación, a alfabetización e a cultura, pero sobre todo brindar acceso á información.

Para emendar a fenda dixital requírese tamén a adopción de medidas por parte das
autoridades pertinentes, a fin de incorporar a adquisición de competencias básicas en materia de información aos plans de estudo, e concienciar sobre o feito de que unha gran cantidade de información valiosa do pasado non foi aínda dixitalizada.

A IFLA alenta ás bibliotecas a colaborar con outras institucións do ámbito do patrimonio cultural e científico, con miras a proporcionar recursos dixitais abundantes e diversos que presten apoio á educación e a investigación, o turismo e as industrias creativas.

As consultas cos titulares dos dereitos e outras partes interesadas son esenciais. Os encargados da concepción e realización de bibliotecas dixitais deben consultar
plenamente ás comunidades indíxenas, cuxo patrimonio cultural material e inmaterial está previsto dixitalizar, para garantir o respecto dos seus dereitos e desiderata. A creación de bibliotecas dixitais debe fomentar ademais a equidade de acceso aos contidos, tomando en consideración as necesidades especiais das persoas discapacitadas.

As autoridades deben ser conscientes de que a planificación das bibliotecas dixitais en todos os planos (estatal, rexional e local) debe cubrir os seguintes aspectos:

  • Persoal cualificado
  • Edificios e instalacións adecuados
  • Planificación integrada das bibliotecas e arquivos
  • Financiamento
  • Determinación de obxectivos

De conformidade coas recomendacións da Cimeira Mundial sobre a Sociedade da
Información, as estratexias estatais en materia de tecnoloxías da información e a
comunicación poderían sentar unhas bases sólidas para a planificación de bibliotecas dixitais.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*