Ponte nas Ondas 2012: Ponte a contar!

Ponte nas Ondas 2012: Ponte a contar! O conto popular é eixo da XVIII xornada de Ponte nas Ondas, a celebrar o vindeiro mes de xuño.

E camiño daquela data, desde a asociación cultural e pedagóxica Ponte nas Ondas convidan os centros educativos a presentaren un programa audiovisual arredor dos contos. Deica o 30 de abril está aberto o prazo de recepción de propostas, que poden ser enviadas tanto en audio como en vídeo. Ademais, cada centro pode presentar varios programas se o desexa.

Seguro que as ideas abrollan xa a moreas nas escolas, pero como faísca para os traballos, velaí algunhas suxestións de materiais posíbeis que realizan desde Ponte nas Ondas:

  • Recollida de contos populares na parroquia, concello ou bisbarra ( Gravación en audio, vídeo ).
  • Levar ás persoas portadoras ( que poidan contar os relatos ) ao centro e documentar a experiencia.
  • Recolla de expresións relacionadas co conto popular.
  • Dramatización de contos populares: representación escenificada ou interpretación dramatizada dos textos.
  • Contos do século XXI: historias que circulan pola rede e que se transmiten polos medios de comunicación.
  • Contos en banda deseñada: debuxando as historias en viñetas. Montaxe audiovisual.
  • Narrativas dixitais ( Storytelling ): unha nova forma de relacionar a cultura oral, a escrita, a informática e a
    cultura audiovisual.
  • Organizar unha sesión de “contacontos” na aula co alumnado e documentala.

Estimular a cultura oral

Subliñan desde o colectivo Ponte nas Ondas que os xoves do século XXI xa non escoitan no seu entorno familiar, os contos tradicionais que noutro tempo os pais e avós contaban nos momentos de traballo e lecer. Por esta razón, a escola non pode permanecer allea a necesario labor de transmisión dos contos populares ás novas xeracións, facendo novas lecturas e interpretacións das narrativas tradicionais, adaptándoas aos novos tempos coa axuda dos medios audiovisuais.

Os contos populares forman parte do noso patrimonio inmaterial e deben ser transmitidos e conservados como parte dun valioso “tesouro” que ten na lingua o seu principal soporte. Estamos convencidos de que aínda quedan historias inéditas na memoria de moitas persoas que merecen ser recollidas e preservadas.

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*