‘Dragal’, de Elena Gallego, estrea unha web con ampla información sobre a apaixonante triloxía literaria.
“Mentres a mestra seguía o seu percorrido entre as mesas, achegándose pouco a pouco ao fondo da clase, Hadrián ollou pola fiestra. A choiva petaba contra os cristais, pero o rapaz tiña a ollada posta máis alá, na fachada da vella igrexa de San Pedro (…) Hadrián non podía falarlle a dona Ermidas do que xa sabía, dicirlle que agora xa atopara a senda que se abrira para el moitos séculos atrás, e que só estaba da súa man que se cumprise a profecía. Moi pronto”
O mundo fantástico de Hadrián e Mónica, as intrigas de Brais, o recendo das mazás de don Xurxo. Na triloxía Dragal coñecemos o rapaz elixido para cumprir unha vella profecía… Un dragón de pedra agarda o seu tempo para recobrar a vida.
Sobre a triloxía do dragón, para quen aínda non a coñeza, recomendamos mergullarse no espazo web Dragal, de recente estrea. “No primeiro volume da triloxía, sen abandonar a perspectiva do mundo real no que vivimos, puiden crear un universo propio e modelar unha ficción fantástica que pretendía conquistar lectores de todas as idades”, explica a autora, Elena Gallego Abad. O Dragal ambiéntase así nun mundo fantástico que, ademais, conta co valor engadido de beber directamente de tradicións e mitoloxías galegas.