“Pode o espazo desvelar como realizar aparatos eléctricos máis pequenos e eficientes?”
O experimento elaborado por María Vilas e Laura Calvo, alumnas do CPI dos Dices xa é finalista a nivel mundial do concurso Youtube SpaceLab. A proposta de Laura e María foi escollida entre milleiros de ideas chegadas de toda Europa, África e Oriente Próximo. O traballo pasa agora a peneira á seguinte fase, onde competirá con media ducia de propostas de mozas e mozos doutras partes do planeta. Boa viaxe a Washington e parabéns tamén a Javier Méndez, o profesor que as involucrou no proxecto!
Entrevista con María e Laura no programa da RNE – En días como hoy (minuto 53)
“Pode o espazo desvelar como realizar aparatos eléctricos máis pequenos e eficientes?”
A esa pregunta responde a proposta de Laura e María: pretenden saber se a microgravidade lle afecta á interacción de diferentes líquidos cando se mesturan con compostos que minguan a súa tensión superficial. O seu traballo podería axudar a entender diferentes conceptos desde a construción de semicondutores dun computador até o prognóstico do tempo.
Ao fío, é tamén interesante botarlle un ollo ás ideas do resto de finalistas do Youtube Space Lab, por exemplo, Seachin, dende a India, pregúntase se “Poderían os fluídos magnéticos levarnos máis lonxe no espazo?” Seachin está interesado en saber como a calor se transfire en fluídos magnéticos especiais chamados ferrofluidos. Poderían utilizarse estes fluídos para crear sistemas de refrixeración máis avanzados que nos levasen ás profundidades do espazo?
Amr pregúntase se pode o espazo ensinarlle trucos a unha araña… As arañas Zebra saltan sobre a súa presa en lugar de capturalas na súa tea de araña. Que pasaría na microgravidade? Amr cre que as arañas non conseguirían atrapar a súa presa en microgravidade polo que deberían cazar dun modo diferente. No espazo está a resposta.
É o espazo demasiado frío como para que exista a vida? Na Terra, a gravidade aféctalle á velocidade coa que a calor transfire nos fluídos. Patrick e Derek preguntáronse se na microgravidade se incrementa ou retarda esta velocidade. O seu experimento podería axudar a crear espazos máis cómodos para futuros exploradores espaciais
E poderían as bacterias alieníxenas curar as enfermidades na Terra? Dorothy e Sara inspiráronse en estudos que mostraban como o crecemento das bacterias no espazo facíase máis infeccioso que as mostras de control na Terra. Podería esta investigación ser útil para curar enfermidades na Terra?
Pode unha folerpa de neve desvelar os misterios do universo? Emerald suxire que os planetas poderían formarse de forma similar ás folerpas de neve. Darannos estas estruturas minúsculas a resposta ás grandes cuestións sobre o universo?