Co lema “Vacínate contra a indiferenza!”, celébrase este mércores 29 de febreiro.
Coñeces a “Enfermidade de mentres a min non me toque”, “o trastorno de non podemos facer nada” ou a “Síndrome de eu non me faría ilusións” Son “enfermidades da indiferenza” que nos “inmobilizan” ante o problema das enfermidades pouco frecuentes.
Con todo, estas enfermidades non son raras, xa que todo o mundo as sufriu nalgún momento da súa vida provocándolle numerosos síntomas como “a apatía, o desalento ou a desesperanza”.
Desta forma, queremos frear esta “epidemia de indiferenza”, porque por sorte, estas enfermidades TEÑEN CURA. Para iso, e con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras desde FEDER ponse en marcha unha “campaña de vacinación” contra a indiferenza.
Grazas a iso, as persoas que se vacinen non só deixarán de ser impasibles ante o problema, se non que ademais axudarán ás familias e persoas con patoloxías pouco frecuentes a acceder a proxectos tales como atención psicolóxica, atención social, xornadas de respiro familiar, encontros de familias, accións de formación ou creación de redes de pacientes.
O obxectivo da web da Federación de Enfermidades Raras (FEDER) é chegar aos 3 millóns de persoas vacinadas, a mesma cifra de persoas con patoloxías pouco frecuentes que hai a nivel estatal.
A Organización Mundial da Saúde recorda que malia os grandes avances da medicina aínda hai un feixe de enfermidades raras e diagnósticos descoñecidos. Trátase de pacientes para os cales o investimento en investigación é a única opción para melloraren a súa calidade de vida e o seu tratamento. O cálculo é que arredor dun 6% da poboación padece algún tipo de enfermidade rara. Na actual conxuntura de crise económica, a FEDER chama a non diminuír o esforzo neste campo investigador.