El Patito Editorial aproveita o 175 aniversario do nacemento da autora para publicar este volume, ilustrado por Álvaro de la Vega.
A nova edición de Follas Novas que agora pon nas librarías El Patito Editorial recolle o limiar “Dúas palabras da autora”, excelente porta de entrada aos poemas, pois nelas, ademais de declarar propósitos como o de se converter na voceira dos invisibles, nomeadamente das mulleres, revélase como unha excelente cronista da súa terra e do seu tempo; sinala vicisitudes persoais, circunstancias
externas que afectaron a edición primixenia e claves para entender a súa obra; afonda na súa defensa da lingua e, mesmo, entre outros aspectos introduce a súa despedida da literatura galega.
Tras desta introdución entramos nas cinco seccións nas que Rosalía estructurou os seus poemas nos que asistimos á traxedia da emigración, veremos mulleres reflexivas que berran con rabia contida contra os abusos dos dominantes, contemplaremos a través da súa mirada, a beleza da paisaxe galega. E, ao tempo, tras estes versos asomará unha Rosalía que se ispe a si mesma, íntima e melancólica, comprometida, muller escritora, estranxeira na súa patria, a que sofre a presenza daenigmatica sombra, a asaltada polo pensamento…
Volume ilustrado por Álvaro de la Vega
Esta edición de Follas Novas chega enriquecido ademais coas imaxes de Álvaro de la Vega (Paradela, 1954) encargadas de achegar esa nova lectura visual radicalmente moderna que tan ben se adapta a Rosalía de Castro, e a este poemario de gran fondura e madureza que supuso a súa consagración definitiva nas letras galegas. O traballo do artista convidado, cuxa extensa poética nos eidos pictóricos e escultóricos conta desde hai anos co recoñecemento internacional, permite aproximarse a algúns dos trazos reiterados na súa obra, coma tal, o tratamento escultórico da pintura, a figuración de corte expresionista, a comunión coa paisaxe, a indagación cos materiais ou a recorrencia á fragmentación.
Este Follas Novas é o segundo volume da colección adicada a Rosalía que saca á luz a editora El Patito. Anteriormente publicárase La Flor. A mi Madre, ilustrado por Fausto.