Da man de Ponte nas Ondas, visita á Eurorrexión para coñecer o patrimonio inmaterial galego-portugués.
O proxecto europeo Grundtvig-GRAND TREASURES, promovido polo departamento de Educación e Cultura da Unión Europea procura estudar e divulgar os Tesouros Humanos Vivos do Patrimonio Inmaterial dos respectivos países. Este grupo constituíuse en setembro de 2011 e xa celebrou a súa reunión constitutiva o pasado mes de decembro en Polonia.
GRUNDTVIG está formado por entidades de Polonia, Grecia, Letonia, Estonia, España e Portugal que traballan co patrimonio cultural inmaterial nos seus países. A Asociación Ponte…nas ondas! é a anfitrioa da visita á Eurorrexión onde ademais de realizar xornadas de traballo do propio grupo, tamén coñecen directamente a persoas e grupos de portadores das manifestacións do patrimonio inmaterial galego-portugués.
Ampla visita á eurorrexión
Na primeira das xornadas de traballo, o grupo desprazouse ao Concello de A Guarda onde visitaron o Museo e a citania de Santa Tegra, e mativeron un encontro coa Cooperativa de Mulleres Redeiras Atalaia. A seguir foron recibidos no Concello polo alcalde Xosé Manuel Freitas e a concellería de Turismo quen presentaron o proxecto de recuperación dos Tesouros Vivos que o Concello de A Guarda vai poñer en marcha en colaboración con Ponte…nas ondas! Tamén no mesmo concello degustaron unha mostra de produtos do mar ofrecidos pola empresa ORPAGU Gourmet.
A seguinte xornada levounos a Melgaço, e nas pesqueiras do rio Minho mantiveron un encontro con pescadores e asistiron á preparación tradicional da lamprea. Pola tarde visitaron o Museo da Memória onde escoitaron as historias do contrabando na fronteira da man de un portador de 81 anos que detenta unha historia de vida singular relacionada co río Miño, a emigración e o contrabando.
En Salceda de Caselas asistiron a un encontro co grupo do Rancho de Reis e a unha demostración desta danza. E no concello de Ponte da Barca, no Lindoso, a celebración do Pai Velho, unha das manifestacións máis auténticas do entroido da Eurorrexión.
Valença, onde ten a súa sede a asociación Ponte nas Ondas, aloxou os representantes do grupo durante a súa estancia e foi sede tamén de diversas xornadas de traballo.
Proxecto europeo Grundtvig
O grupo de traballo Grundtvig está constituído polas seguintes entidades :
Polonia: UNESCO Iniciatives Centre, é unha asociación con sede en Bratislava que realiza proxectos de recuperación do patrimonio traballando en comunidades pequenas con actividades de dinamización cultural.
Grecia: MEDIA DELL’ ARTE Creative Team, e ún grupo de investigación que traballa nas illas gregas facendo recolla do patrimonio oral. Teñen un arquivo audiovisual e realizan actividades de dinamización cultural nas illas aínda que a súa sede está en Atenas.
Letonia: Latvian National Commission for UNESCO (UNESCO LNC) é unha institución oficial que promove as actividades e proxectos da Unesco en Letonia. A súa sede está en Riga.
Estonia: MTÜ Kultuur aitab Niigata, é unha asociación que traballa na recuperación da memoria dunha zona Estonia a partir de arquivos fotográficos.
De Galiza e Portugal forman parte as asociacións Xandobela de Santiago de Compostela, que realiza traballos de dinamización do patrimonio, e a Asociación Ponte…nas ondas! que é coñecida polo seu labor de divulgación e transmisión do patrimonio común galego-portugués ás novas xeracións.