“Aprende con Eco os tres R”

"Aprende con Eco os tres R"Unha aplicación informática destinada a guiar os cativos en bos hábitos a prol do medio ambiente.

‘Eco’ é o nome da mascota que lle explica aos pequenos en que consiste a xestión dos refugallos e que pasos deben seguirse para levala a cabo de forma correcta e respectuosa co medio ambiente, tendo en conta que o traballo dos cidadáns constitúe unha peza esencial que definirá o destino dos desperdicios que xeramos.

“Aprende con Eco os tres R” é un xogo multimedia editado por Sogama en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente. Diríxese así aos escolares de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, e que cursan os seus estudos nos 900 colexios galegos de primaria. A eles quéreselles introducir nos pormenores do principio dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar), trasladándolles os coñecementos necesarios para poñelas en práctica na súa vida cotiá.

Trátase de que os escolares descubran o auténtico valor dos residuos e as posibilidades de aproveitamento dos mesmos antes de ser arroxados ao cubo do lixo. O fin último deste proxecto multimedia é mostrarlle á comunidade educativa as múltiples utilidades que pode chegar a ter o conceptuado como lixo, permitindo tomar conciencia das grandes cantidades de recursos que desbotamos a diario, consecuencia da tan arraigada cultura de usar e tirar.

Todos os centros recibirán nos próximos días os CDs con esta aplicación. Pero todos os interesados poden tamén acceder a ela a través da web de Sogama.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*