Deica o 1 de maio na Coruña, unha ampla exposición coa obra plástica do recentemente finado galeguista.
Son 35 as obras, grandes lenzos, borradores, debuxos e estudos preparatorios, que poden verse na sede da Fundación NovaCaixaGalicia da Coruña, do fondo que a entidade posúe de Isaac Díaz Pardo.
En palabras de Xosé Díaz, comisario da exposición xunto con Rosario Sarmiento, e fillo de Isaac: “Hai tres lugares fundamentais na faceta pictórica de meu pai: un é Madrid, territorio de formación e consagración, onde estuda Belas Artes e comeza a súa andaina profesional (…) o segundo lugar, e un dos máis fecundos, é O Castro de Samoedo, onde aparece a madurez e realiza os seus grandes óleos (…) o terceiro e último lugar da súa creación pictórica está situado á outra beira do Atlántico, perto de seus amigos e camaradas do exilio, nun lugar próximo a Bos Aires, no que comeza unha especie de desterro, afastándose da Galicia encollida, triste e asfixiante dos anos cincuenta, ese lugar é: A Magdalena”.
Aberta desde o pasado 24 de febreiro, a exposición coa obra de Isaac Díaz Pardo permanece aberta deica o vindeiro 1 de maio na sede da Fundación na Coruña.
Horario: de luns a venres de 16 a 21h
Sábados e festivos de 12 a 14h e de 17 a 21h
***Os sábados hai obradoiros para rapaces, ás 12h para os cativos de 4 a 7 anos e ás 17h para maiores de 8 anos.