Pediatra de Atención Primaria.
Centro de traballo: Àrea Bàsica de Salut Girona-4 (Institut Català de la Salut)
Que é a tose?
A tose é un síntoma que presentan moitos nenos cando teñen algunha infección respiratoria. Na maior parte dos casos estas infeccións aféctanlle só á gorxa e o nariz. Nunha minoría de nenos pode ser indicativo dunha infección pulmonar.
É moi frecuente?
A tose é posiblemente o síntoma máis frecuente, á beira da mucosidade nasal e a febre, polo cal os pais realizan consultas co pediatra do seu centro de saúde.
É a tose perigosa?
Non. É necesario entender que a tose forma parte da resposta do organismo cando hai unha infección que lle afecta ao sistema respiratorio, desde o nariz ata os pulmóns. E trátase dunha resposta beneficiosa xa que, por medio da mesma, o organismo intenta “expulsar” cara ao exterior secrecións respiratorias que conteñen os xermes que precisamente a producen.
Pero, podemos calmar a tose con menciñas?
Existen, efectivamente, moitas menciñas para tratar a tose ou a mucosidade nasal. Con todo, estes fármacos non demostraron ser eficaces para aliviar a tose. Esta desaparecerá aos poucos conforme a causa que a produce se vaia resolvendo.
Débese ter en conta ademais que moitas das menciñas que se venden para acougar a tose non son inofensivas. Poden ter efectos secundarios nos nenos. Algúns destes síntomas poden ser somnolencia ou estriñimento.
Débese ter un coidado especial cos nenos máis pequenos, de menos de dous anos. Neles a posibilidade de presentar efectos secundarios debido ao uso de fármacos para a tose é superior á dos nenos maiores.
Entón, que actitude debemos tomar os pais diante da tose?
Como en todo síntoma clínico, se persistise a tose, a actitude debe ser acudir ao médico para que este determine cal é a súa orixe. Esta pode ser consecuencia de moitas enfermidades diferentes, aínda que a inmensa maioría son simples arrefriados. Só nunha minoría de casos a tose será consecuencia dunha enfermidade máis seria como pode ser, por exemplo, unha bronquite ou unha pneumonía. Nestes casos, o pediatra prescribirá o tratamento máis axeitado.
Pois eu doulle a meu fillo un xarope para a tose e cálmalle, como é iso logo?
Ao ser a tose na maioría de ocasións unha consecuencia dun simple arrefriado, a evolución natural do mesmo é á curación espontánea nun prazo de aproximadamente sete días. Nesta situación adoita darse o caso de que o inicio do tratamento cun medicamento para a tose pode coincidir coa evolución espontánea do arrefriado cara á curación.
Entón, que actitude debemos tomar os pais diante da tose?
A tose infantil resulta ás veces un síntoma moi molesto para os nenos… e para os pais. Cando esta se produza por un simple arrefriado pode ser de utilidade limpar as fosas nasais con soro fisiolóxico para diminuír deste xeito a caída do moco cara á garganta (unha das principais causas da tose nos nenos). Cando a tose se deba a unha enfermidade que lle afecte aos pulmóns, débense seguir as instrucións do pediatra.
E, ante todo, a mellor actitude que os pais poden tomar é a de manter a tranquilidade: a tose é beneficiosa na maioría das ocasións. O seu tratamento específico non é capaz de aliviar a súa intensidade e algunhas das menciñas que se utilizan para o seu tratamento poden ser perigosas. Outra actitude beneficiosa a tomar é a de ter paciencia: a tose desaparecerá por si soa na maioría das ocasións.
En Internet existen diversas páxinas, sitios web ou artigos moi útiles para ampliar información sobre este tema:
- Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria. Familia e Saúde. Como manexar a tose. Que facer cando meu fillo tose. Dispoñible en: http://www.aepap.org/familia/tos.htm
- Asociación Española de Pediatría. Web “En Familia”. Medicamentos para tratar o catarro. Dispoñible en: http://enfamilia.aeped.es/temas-salud/medicamentos-para-tratar-catarro
- Os antitusíxenos tópicos non deberían utilizarse para o tratamento das infeccións respiratorias altas. Evid Pediatr. 2011;7:33. Dispoñible en: http://www.evidenciasenpediatria.es/DetalleArticulo/_LLP3k9qgzIh7aNQBiadwmZF09TeNE0PnKyGoaPstvlIp1yA0TVi82llyV_ogfJyvok6tRN3eN_4VYWTmMtwZTg#articulo-completo
- Pediatría Baseada en Probas. Supositorios “para la tose”, bye, bye. Dispoñible en: http://www.pediatriabasadaenpruebas.com/2011/09/supositorios-para-la-tos-bye-bye.html
Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria