O labor do pediatra na detección do maltrato infantil

O labor do pediatra na detección do maltrato infantilDiversos estudos sinalan que o problema aféctalle ao 15% dos menores de 15 anos: un de cada seis nenos.

O 9º curso de actualización en Pediatría organizado pola Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap), tivo un dos seus centros de interese no labor da atención primaria en casos de sospeita e detección de abuso sexual e maltrato.

“O pediatra é, posiblemente, o profesional mellor posicionado para a súa detección e diagnóstico”, indicou o doutor Jordi Pou Fernández, xefe do servizo de pediatría do Hospital Sant Joan de Déu, en Barcelona, logo de citar diversos estudos realizados a nivel estatal nos que chega a revelarse unha incidencia de ata un 15% de menores de 15 anos afectados por maltrato.

Catro tipos de maltrato
De xeito clásico, faise diferenza entre catro tipos de maltrato: a neglixencia ou abandono, o maltrato psicolóxico ou emocional e o maltrato físico, onde á súa vez se inclúe a síndrome de Munchausen por poderes e o abuso sexual. Con todo, os profesionais presentes no obradoiro sinalaron que habitualmente os casos detectados presentan manifestacións de máis dun tipo de maltrato.

O detectado con maior frecuencia é o abandono. “Malia que non é exclusivo de clases sociais baixas, acostuma presentarse con maior frecuencia neste grupo de poboación máis marxinal, con problemas económicos ou hábitos tóxicos”, afirmou o doutor Pou Fernández, engadindo que “na maioría dos casos o diagnóstico acádase cando a situación xa se volveu patente”.

Doutra banda, o maltrato psicolóxico do menor pode presentarse de xeitos múltiples: rexeitamento, illamento, amedrentamento, corrupción (ensinándolle e estimulándoo a manter condutas non axeitadas) ou ignorancia. As manifestacións clínicas máis importantes desta forma de maltrato danse na esfera da conduta, destacando especialmente o atraso psicomotor, problemas de aprendizaxe, baixo rendemento escolar, alteracións nutritivas, no control de esfínteres, baixo rendemento escolar, condutas demasiado adultas ou demasiado infantís, agresividade ou pasividades excesivas, alteracións psicolóxicas en forma de fobias, obsesións ou intentos de suicidio.

O traballo non acaba ata que o neno está protexido

No que lle toca ao maltrato físico que é o que popularmente se asocia ao maltrato infantil, en realidade é moito menos frecuente que as dúas formas de maltrato anteriormente descritas.

Salienta o doutor Pou a síndrome de Munchausen por poderes (aquela situación na que os proxenitores, xeralmente a nai, provocan enfermidades no neno). “Aínda que non é moi habitual o seu diagnóstico é difícil, xa que hai que sospeitalo desde o primeiro momento”, comenta, “o prognóstico pode ser grave e xa houbo casos nos que o paciente faleceu como consecuencia das lesións sufridas”.

O cuarto tipo de maltrato infantil é o abuso sexual. A maioría destes casos ocorren dentro da familia ou son levados a cabo por persoas moi próximas ao neno. “A súa sospeita é difícil porque as manifestacións clínicas son moi inespecíficas, sendo o relato do neno, en ocasións, o primeiro signo de sospeita. Por iso é moi importante que o profesional estea atento á petición de axuda do menor e darlla desde o primeiro momento: convén anotar literalmente o que o neno nos conte, e os debuxos poden ser moi útiles para coñecer o que aconteceu. Así mesmo, a exploración física ten que ser completa”. “O primeiro é non esquecer nunca que o noso traballo non acaba ata que o neno está debidamente protexido, xa que un menor maltratado ten un risco do 50% de volver a selo e un 10% de falecer logo da primeira detección”, apunta o doutor Jordi Pou.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*