Cadanseu proxecto de Kalandraka e OQO Editora na prestixiosa lista do libro infantil e xuvenil.
A Internationale Jugendbibliothek de Múnic (Alemaña) sacou á luz o seu catálogo The White Ravens 2012. A escolma xunta obras en máis de 30 idiomas e procedentes duns 50 países. Todas elas integran unha exposición que, este ano, poderá verse entre o 19 e o 22 de marzo, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña.
“Pura forma e auténtico abano das cores do arco da vella”, pode lerse sobre ‘A viaxe de Olaf’, de Martín León Barreto, na ficha elaborada polos expertos para o comité seleccionador da lista, que o definen como un álbum “brillante e enerxético, cun xogo de formas xeométricas que converten o libro nunha festa para a vista”. O libro fora gañador do IV Premio Internacional Compostela-Ilustración e será emblema da editorial Kalandraka no seu stand na feira de Boloña. Do mesmo xeito, o álbum ‘Zimbo’, de Arturo Abad e Joanna Concejo, editado por OQO, foi elixido tamén como un dos mellores libros infantís do mundo. A institución alemá definiu a obra como “un álbum poético, sensible e que admite distintos niveis de lectura”.