Consumópolis-7, a publicidade: compras ou cómprante?

Consumópolis-7, a publicidade: compras ou cómprante?Convocouse a fase galega deste concurso escolar sobre consumo responsable.

A fase galega do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun cartel publicitario sobre un produto ou servizo reflectindo distintos aspectos do consumo responsable.

Poderán participar todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas de idades comprendidas entre 10 e 16 anos coordinados por un docente, que estivesen inscritos previamente e que rematasen a primeira parte do concurso realizada a través da web.

Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar. Hai categorías para alumnado de 3.º ciclo de educación primaria; alumnado de 1.º e 2.º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO) e alumnado de 3.º e 4.º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO). Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán Galicia na fase estatal que se celebrará en Madrid.

Temáticas

“Á vosa aula chegou un compañeiro novo que é celíaco, é dicir, non pode tomar alimentos con glute. O compañeiro explícavos en que consiste e cóntavos que se ten que fixar moito nas etiquetas dos alimentos, xa que moitos deles, como as galletas e a pasta, levan glute. O profesor ensínavos como saber que alimentos teñen glute e cales non. Mirando os produtos vemos que as etiquetas teñen moita máis información da que normalmente vemos. Dedicamos a clase a analizar a información das etiquetas e vemos o importante que é que todos nos acostumemos a lelas e telas en conta”.

“O irmán dunha amiga vosa, que só ten catro anos, intoxicouse a semana pasada ao beber un produto para lavar o chan que tiñan na súa casa. Cando a nai da vosa amiga se deu de conta, chamou os servizos de emerxencia e preguntáronlle como era o produto, que compoñentes tiña, e os pictogramas que aparecían nel…. E aínda que, finalmente, todo quedou nun susto, a vosa amiga deuse de conta de que descoñecía que significaban eses ‘debuxos’ que denominan pictogramas e que aparecían no produto, e decátase da importancia que ten coñecelos”.

Son algunhas das ideas que se propoñen para xerar o traballo, e que tratarán así obxectivos como: que se comprenda a importancia que ten, para a nosa saúde e seguranza, ler as etiquetas dos produtos antes de utilizalos; dar a coñecer as asociacións de consumo e fomentar que as persoas se asocien a elas; concienciar o alumnado e profesorado sobre a necesidade de gardar o tícket e as facturas para poder facer uso das garantías dos produtos, etc

O prazo para a presentación dos traballos remata o día 26 de marzo de 2012.

Toda a información na web de Consumópolis

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*