Exposición fotográfica de Xurxo Lobato no Museo do Pobo Galego.
Ser un tributo visual á vaca, explicar como vive, de que vive e quen vive dela, e pór en valor o sector gandeiro galego, é a razón de ser da exposición No país das vacas, do fotógrafo Xurxo Lobato.
A exposición poderá visitarse ata o 1 de abril. Conta con 132 imaxes da autoría do fotógrafo coruñés que foxen do bucolismo para adoptar un carácter divulgativo que sitúa a vaca como referente do desenvolvemento rural. A mostra pretende contribuír con estas imaxes a que a cidadanía tome conciencia da riqueza económica e social que a vaca xera en Galicia.
Unha visión completa sobre o aproveitamento económico da especie, dende a tecnoloxía aplicada nas granxas, ata as vacas como obxecto de investigación nas universidades, que pasa pola a variedade de razas autóctonas, a industria láctea e a da carne ou a gastronomía, e que se complementa cun tributo ao animal que é icona cultural galega. Así, aparecen na exposición de Lobato vacas de pasarela, pero tamén aquela vaca que Castelao cría merecente de estampar o papel moeda galego “como símbolo da nosa economía humanamente distribuída”.
No Museo do Pobo Galego ata o 1 de abril.