Lugo estreará en setembro Escola Municipal de Música

Escola Municipal de Música de LugoOs matriculados poderán escoller entre 12 instrumentos de vento e percusión e as clases serán impartidas polos músicos da Banda Municipal.

Lugo contará o próximo curso cunha Escola Municipal de Música vinculada á Banda Municipal que impartirá clases de formación musical a persoas de todas as idades. O tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao, explicou que se trata dun servizo que vai destinado “a toda a poboación” e que contribuirá a potenciar a Banda Municipal de Música de Lugo, “unha das de máis historia e tradición de Galiza, creada en 1876 por Xoán Montes”, lembrou o responsable de Cultura.

A Escola Municipal de Música comezará a funcionar en setembro. Antes do verán abrirase o prazo de matrícula para que os cidadáns poidan reservar a súa praza. Terá un enfoque eminentemente práctico e impartiranse un total de 21 materias, entre as que haberá a aprendizaxe de 12 instrumentos distintos principalmente de vento e percusión e 9 materias teóricas de apoio e formación musical.

As clases están pensadas tanto para nenos e nenas que se inician na música, como para persoas de todas as idades que queren aprender a tocar algún instrumento. As persoas que se matriculen poderán escoller entre clarinete, percusión, gaita, pito, frauta, trompa, trompeta, fagot, trombón, saxofón ou tuba. Entre as materias teóricas están linguaxe musical, formación de adultos, obradoiro de creación sonora, musica e movemento, historia da música, fundamentos da composición, jazz e improvisación, iniciación á informática musical.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*