Baixo este lema, o 2 de maio arrinca en Ourense a XIII edición do Correlingua, que percorrerá até once comarcas.
Na web do Correlingua podedes consultar toda a información sobre a presentación desta actividade, un acto durante o que se entregaron ademais os premios do Certame de vídeo, Banda Deseñada e do Manifesto ao alumnado dos colexios e institutos participantes. Os centros premiados son CPI Pontecesures (4º da ESO) polo Manifesto, e finalista CPI Ponte Carreira de Frades, en Banda Deseñada o CEE O Pino de Ourense e o CEIP A Laxe de Marín (3-5 anos) e en Vídeo o IES Mosteirón de Sada
Marta Dacosta, coordinadora do Correlingua, agradeceu a participación do profesorado, do alumnado e o apoio tamén dos pais e nais e explicou que estas actividades previas á celebración do Correlíngua queren ser unha reflexión sobre a situación do idioma e as actividades que se poden pór en marcha para estender o seu uso. Marta Dacosta referiuse á calidade dos traballos presentados e destacou que a mocidade é quen de “pór o acento nas cuestións máis candentes, desta volta, por exemplo, a desaparición de cabeceiras de medios de comunicación en galego”.
O Correlingua vénse celebrando de xeito regular desde o 2000 aínda que é unha vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais. Na actualidade está organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega – Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As carreiras pola lingua partirán de Ourense e percorrerán once comarcas galegas (Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo, Ribeira Sacra e A Mariña) coa participación de centros de ensino de toda Galiza. Cada unha das carreiras rematará cunha festa pola lingua que contará con actuacións teatrais e musicais por parte dos artistas convidados e do propio alumnado.
Na web do Correlingua tamén poden descargarse as unidades didácticas para Primaria (.pps) e Secundaria (.pps)