“Pedrón de Ouro 2012” a Nova Escola Galega

Polo labor a prol do idioma “e do seu futuro e a do ensino público” e a procura dunha educación “democrática, inclusiva e laica”.

Así explica a súa decisión o padroado da Fundación Pedrón de Ouro:
“Recoñecemos en Nova Escola Galega a vontade continuada no tempo a prol da realización no día a día dunha educación ao servizo, en particular, da nenez e da mocidade da nosa nación; tanto, desde as aulas de educación infantil, como mesmo desde aulas universitarias, e tamén dende os diversos espazos de formación de sul ao norte e de oeste a leste, nas diversas direccións da nosa xeografía. Nova Escola Galega vén promovendo unha educación alicerzada nas ideas da xustiza, da liberdade e da solidariedade, para formaren cidadáns e cidadás conscientes do País que habitan; conscientes da nosa lingua e cultura, o herdo que cómpre aloumiñar.

Os da Nova Escola Galega veñen procurando desde hai máis de tres décadas xerar de seguido renovadas prácticas e innovacións pedagóxicas. Son moitos os recursos e materiais didácticos que levan construíndo, os encontros de traballo e de formación para o profesorado, intervencións públicas en diversos foros e instancias, sempre da man da laboriosidade e da cooperación. Xunto á Revista Galega de Educación aí están tamén as variadas publicacións feitas polos seus asociados e asociadas en diversos soportes. Ocúpaos a causa do idioma e do seu futuro e a do ensino público. Procuran unha educación democrática, inclusiva e laica.

“Azos para continuar”
Nun comunicado asinado pola súa presidenta, María Dolores Candedo Gunturiz, o colectivo Nova Escola Galega agradece unha concesión que afirma recibir “con fonda emoción, polo recoñecemento que supón á nosa traxectoria na defensa dun modelo de escola pública democrático, galeguizador, laico e renovador”.

“Entendemos que este recoñecemento, que chega ao tempo que se toman devastadoras decisións que buscan o devalo da educación pública, pretende sinalar a vixencia de alternativas pedagóxicas a prol dos valores que defendemos e, en boa medida, darnos azos para continuar”, expoñen, “a nosa arela, compartida con moitas persoas, entidades e organizacións non foi nin é outra que procurar unha escola comprometida co país, coa nosa cultura e coa nosa lingua, que sexa quen de acoller en pé de igualdade o conxunto de nenos e nenas e ofrecerlles así a oportunidade de se converteren en cidadáns e cidadás dunha nación que soñamos xusta e libre”.

“Cómpre recoñecermos que boa parte do noso traballo no ámbito da formación, da acción reivindicativa e/ou da proposta de alternativas fixémolo na compaña de persoas, entidades e organizacións coas que nos gustaría compartir tamén agora a nosa ledicia por esta distinción”, conclúe a nota do colectivo.

O acto de entrega do Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra terá lugar o próximo 20 de maio nun acto literario que se celebrará na Casa Museo de Rosalía, en Padrón, ás 12,30 horas, no que actuará de mantedora a escritora Fina Casalderrey.

Máis informacion:
En Praza Pública, entrevista con Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega: “Impóñense perigosas ideas como que a educación é patrimonio dos pais e nais”

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*