III Seminario sobre a Memoria: A Guerrilla e os Campos de Concentración

III Seminario sobre a Memoria: A Guerrilla e os Campos de Concentración En Melide e Rianxo o 1, 2 e 3 de xuño. Organizado por Nova Escola, o IES ‘Félix Muriel’ de Rianxo e o IES Melide.

Francisco Martínez (Quico), un dos últimos guerrilleiros vivos, estará presente activamente neste III Seminario sobre a Memoria: A Guerrilla e os Campos de Concentración, que se celebrará entre Melide e Rianxo os próximos 1, 2 e 3 de xuño de 2012.

Quico participou activamente nas actividades guerrilleiras, dacabalo entre Galicia e León, desde os 17 anos, e conserva na actualidade unha lucidez e axilidade física extraordinarias que lle permiten seguir sendo testemuña de primeira man, absolutamente fundamental para o coñecemento e a análise do papel da guerrilla na loita contra a ditadura.

Quico, que actualmente reside en Alacant e acaba de publicar a obra Guerrillero contra Franco, guerrillero contra el olvido, aceptou a invitación formulada pola organización para participar activamente no desenvolvemento do Seminario, tanto na súa parte teórica como –o cal non é menos significativo– no percorrido polos espazos ocupados polos campos de concentración en Padrón, Lousame, Muros e o Barbanza.

No desenvolvemento desta actividade de formación, con certificación oficial e organizada polos Departamentos de Ciencias Sociais do IES “Félix Muriel” de Rianxo e do IES Melide, e polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, visitaranse diferentes lugares nos que foron internados prisioneiros antifranquistas na zona, así como as minas de San Finx, en Lousame, significativas pola súa resistencia fronte ao golpe de estado de 1936.

Ademais de Francisco Martínez, intervirán no Seminario o especialista na resistencia antifranquista Xaquín Yebra, e os estudosos dos períodos da II Republica e o franquismo –con varias obras publicadas sobre o tema e unha máis no prelo– no Barbanza, Xesús Costa e Xesús Santos.

Na web de Nova Escola Galega pode consultarse o programa en detalle da actividade, e tamén pode localizarse a ficha de inscrición.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*