A arte para entender o mundo

Obradoiros para nenos no Centro Galego de Arte Contemporánea.

Durante os meses de xullo e agosto o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, desenvolverá cinco obradoiros dirixidos a rapazas e rapaces.

O primeiro dos talleres, dedicado ao cinema surrealista e denominado ‘Un perro galego’, terá lugar entre o 10 e o 13 de xullo. Está dirixido por María Caramés e pensado para nenos de 4 a 6 anos. Vaise centrar na elaboración dunha produción cinematográfica que axude a potenciar as capacidades de expresión corporal e a creatividade, explorando diferentes xeitos de crear historias de ficción mediante o xogo, o humor, as sombras e os soños, botando man das pautas do cinema de vangarda e do mundo surreal.

O taller de clown, cabaré e expresión corporal, ‘Non controles’, que coordina o actor Marcos Carballido do 16 ao 19 de xullo, está dirixido a persoas a partir dos 14 anos. Invita os asistentes a deixar de lado por un momento a reflexión e centrar o noso esforzo en expresarnos cos nosos corpos, a traballar bailando, movéndonos, andando, desinhibíndonos, gozando co ridículo e a nosa corporalidade.

Durante os días 23,24,26 e 27, rapaces de entre 7 e 9 anos poderán aprender e experimentar de primeira man o proceso de creación dun libro ilustrado e un cómic no taller de cómic e ilustración O globo vermello, dirixido polo debuxante Iván Suárez. Deste xeito, traballarán sobre a arte secuencial e sobre as posibilidades de contar unha historia con imaxes a partir da curta do francés Albert Lamorisse, O globo vermello.

Dende o día 31 de xullo ao 3 de agosto, o fotógrafo Miguel Calvo, introducirá a nenos de entre 10 e 12 anos no mundo da fotografía, remontándose as súas orixes e á tecnoloxía máis rudimentaria, creando particulares estampas sen axuda dunha cámara con lentes e entendendo a luz como xeradora de imaxes. Partindo de materiais de uso doméstico, fabricarán cámaras estenopeicas individualizadas e experimentarán con diferentes xeitos de positivado, revelando nun pequeno laboratorio fotográfico. Segundo o tema elixido a fotografar, escollerase o artefacto axeitado, facendo unha incursión nos diferentes xéneros: retrato, paisaxe, arquitectura, naturezas mortas e fotomontaxe surrealista.

O último obradoiro, dedicado á creación musical e titulado Soños musicais, estará dirixido a nenos de 8 a 10 anos e coordinado por Saúl Cacharrón. Nel os pensamentos máis libres e inconscientes han servir de material para a creación e van a axudar a investigar parámetros do son como a altura, a duración, a intensidade ou o timbre. Farase ademais un achegamento á produción musical, empregando as novas tecnoloxías e os participantes, deseñarán finalmente o apartado sonoro da película Un perro galego.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*