Este 31 de agosto celebrouse o Día Internacional da Solidariedade, unha data que conmemora o traballo que levan a cabo cada día milleiros de persoas en todo o mundo para contribuír ao ben común.
Segundo os datos da Coordinadora Galega de ONGD, en Galicia, máis de 1.600 persoas son voluntarias de ONG de Desenvolvemento. As mulleres de entre 25 e 40 anos son as que máis colaboran tanto en Galicia como nos países empobrecidos.
O voluntariado é unha figura clave no eido da solidariedade. Nas 47 ONG de Desenvolvemento que forman parte da Coordinadora Galega de ONGD (CGONGD) son 1.670 as persoas que colaboran a diario, de forma voluntaria e altruísta, co obxectivo de transformar o mundo nun lugar xusto, igualitario e libre. Son persoas novas, maiores, de mediana idade; homes e mulleres; estudantes, traballadores/as, desempregado/as, persoas xubiladas… O seu perfil é diverso e como no resto de entidades do terceiro sector son as mulleres de entre 25 e 40 anos as que máis participan.
Hai ONGD especializadas en saúde, vivenda, medio ambiente ou educación que traballan con persoas voluntarias con coñecementos específicos. É un quid pro quo sen recompensa material: os e as voluntarias aprenden mentres colaboran en proxectos solidarios; e as ONGD acompañan estes procesos de aprendizaxe mentres contan co apoio e as achegas indispensables para a existencia da organización. A maioría de ONGD traballan en diversos campos de actuación á vez.
Recomendámosvos ampliar información na web da Coordinadora Galega de ONGD: GaliciaSolidaria.