Lucus a pé

Percorrido polos principais atractivos naturais e culturais de Lugo. O día 16 de setembro.

Máis de 300 persoas participarán o domingo 16 de setembro no primeiro Encontro sendeirista Lucus a pé, que percorrerá os principais atractivos naturais e culturais do Concello de Lugo. Unha camiñata de 18,3 quilómetros pola cidade de Lugo e os seus arredores.

Este primeiro encontro sendeirista, organizado pola Sociedade Micolóxica Lucus co apoio da Concellería de Cultura e da área de Cultura de Deputación, traerá á cidade de Lugo a asociacións de sendeirismo de toda a provincia, segundo explicou o presidente da Sociedade Micolóxica, Julio Alonso Díaz.

Os participantes sairán da Praza Maior ás 10 da mañá e percorrerán algúns dos principais atractivos naturais e culturais de Lugo (piscina romana de Santa María, Muralla, paseos do Miño e o Rato, Camiño Primitivo). O avituallamento estará situado á altura da ponte romana. Pola tarde, os participantes visitarán os museos municipais e o Centro de Interpretación da Muralla.

18,3 quilómetros dunha dificultade baixa

O Lucus a pé comezará ás 10 da mañá coa reunión e recepción dos participantes na Praza Maior onde se lles dará a benvida por parte dos organizadores e as autoridades públicas colaboradoras, amenizando o acto con música tradicional galega. Iniciarase a ruta pasando pola Piscina Romana de Santa María e pola Catedral, ata chegar á Muralla Romana pola porta de Santiago onde os participantes serán interceptados por unha comitiva de lexionarios romanos (acto de recreación histórica desenvolvido pola Asociación Terra Cópora) que farán entrega de un salvoconduto para continuar camiñando pola cidade.

Continuará a marcha polo adarve da Muralla ata saír da cidade cara ao paseo do Río Rato e posteriormente ao paseo do Río Miño percorrendo parte do mesmo polas súas dúas beiras, pasando a carón da ponte e termas romanas e atravesando as magnificas paraxes, carballeiras e bosques de ribeira que nos ofrece o Miño ao seu paso por Lugo. O percorrido concluirá no espazo verde fronte ao Pazo de Feiras e Congresos onde terá lugar a comida de campo a base de productos de Lugo, tamén amenizada polo son das gaitas.

A inscrición é gratuíta para asociacións e de dous euros para persoas a título individual con dereito a xantar e libre e gratuíta para aquelas persoas que leven a súa comida.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*