Colocar o neno boca abaixo para xogar é unha recomendación frecuente do pediatra nas primeiras consultas do “Control do neno san”. Aínda que se faga fincapé neste consello, a moitos pais parécelles que non é unha actividade necesaria e importante. Tampouco coñecen a influencia que ten no desenvolvemento posterior do neno.
Xogar libremente boca abaixo e noutras posicións favorece a aparición de patróns motores como o volteo, o arrastre ou o gateo. Aos nenos colócaselles con frecuencia boca arriba, sentado, pero, por que pasan agora menos tempo boca abaixo?
Existen moitos dispositivos no mercado que favorecen o xogo sentado e tombado boca arriba (hamacas, cadeiras, mantas con arcos de xogo) ou unha verticalización precoz, como os famosos “taca-taca” ou saltadores. Son contornas que non permiten realizar movementos libremente ou un sostén máis activo en posición vertical. Os pediatras e outros profesionais que traballamos cos nenos non os recomendamos, pero se se utilizan, deben usarse durante un tempo razoable, baixo vixilancia dos pais e sempre combinándoos cun xogo libre en posición horizontal, sobre todo boca abaixo.
A recomendación de colocar os nenos boca arriba para durmir reduciu considerablemente a incidencia do “Síndrome da Morte Súbita do Lactante” pero tamén limitou o tempo que o neno pasa noutras posicións. Por iso é polo que debemos contrarrestalo noutros momentos da rutina diaria do neno.
Algúns nenos choran, móstranse incómodos cando lles colocamos nesta posición e os pais desisten por medo. Pensan que non o fan ben ou que é fatigoso para o neno.
Pero, que actividades podemos realizar nesta posición que resulten atraentes para o bebé? Que facer se o bebé chora ou se enfada en canto o colocamos boca abaixo?
Á hora de decidir que actividades imos realizar, debemos diferenciar varias etapas correspondentes á idade de desenvolvemento do neno:
Desde o nacemento até os 3 meses: Durante esta etapa observaremos que, cando colocamos o bebé boca abaixo, os cóbados están atrasados con respecto aos ombreiros. Para axudar a que o bebé levante a cabeza, debemos situar os seus cóbados á altura dos ombreiros e, a continuación, facer presión levemente coa nosa man na pelve do bebé cara ao chan. Desta forma axudamos a quitar peso da parte superior do corpo.
Se aínda así non levanta a cabeza, podemos colocar unha toalla envurullada debaixo do seu peito ou situalo atravesado sobre as nosas pernas estiradas, deixando as manciñas en contacto co chan. Ensinarémoslle obxectos atraentes como axóuxeres, espellos, imaxes con contraste en branco e negro e, por suposto, o rostro e a voz dos propios pais. Ao final desta etapa o neno debe poder levantar a cabeza, apoiándose nos antebrazos. Hai que ter en conta que o tempo de permanencia nesta posición nos primeiros días é tan só duns segundos; logo vai aumentando de forma progresiva. É necesario practicalo varias veces ao día.
Desde os 3 até os 6 meses: Nesta etapa os músculos do pescozo, os das costas e os abdominais fanse cada vez máis fortes e permítenlle ao bebé pasar do apoio sobre os antebrazos ao apoio sobre as mans, cos cóbados estendidos. Ao principio debemos presentarlle os obxectos no chan, pero máis afastados, para que intente alcanzalos estirando os seus brazos. A medida que o neno vaia adquirindo máis control e o endereitamento sexa mellor, ofrecerémoslle os obxectos no aire, para que intente alcanzalos levantando un brazo e levando todo o seu peso sobre a man contraria. Este tipo de alcance prepara o bebé para darse a volta.
Desde os 6 meses aos 9 meses: A partir deste momento xa non temos que colocar ao bebé boca abaixo para que xogue. Como pode voltearse en por si, o bebé alcanzará esta posición cando desexe. É importante saber que é precisamente ao final deste período, cando o neno adopta a posición de cuadripedia precursora do gateo. Se o neno é competente boca abaixo, nesta etapa, adoita xogar durante moito tempo nesta posición.
BIBLIOGRAFÍA
Todo un mundo de sensaciones . Fodor, Elizabeth; García-Castellón, Mª Carmen; Móran, Montserrat. Pirámide, 1997.
Cómo desarrollar las habilidades motoras . Desde el nacimiento hasta los 5 años. Losquadro Liddle, Tara . Ceac. Educación Infantil, 2005.
Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria