Proxecto Torre dos Mouros

Torre dos Mouros
Unha visita con espectaculares vistas / Imaxe: Torredosmouros.com
Cun feixe de actividades xa realizadas, prosegue esta iniciativa que incluirá novas actividades para os nenos e mesmo unha banda deseñada sobre o proxecto.

A Torre dos Mouros é un recinto arqueóloxico localizado sobre o alto da parroquia de Lira, en Carnota, a máis de trescentos metros de altura sobre o Atlántico, cunha ampla vista de Carnota e dos montes de Muros e o Barbanza. A zona foi usada durante séculos polas comunidades que viviron no sur do arco e, de feito, unha parte do xacemento da Torre dos Mouros foi empregada como canteira, curro gandeiro, estivada e alvariza, tal e como se recollen nas denominacións tradicionais do monte.

Os obxectivos nos últimos meses do proxecto foron documentar, topografíar e determinar a fortificación; determinar a cronoloxía posible e a estruturación interior da Torre dos Mouros; determinar a composición, técnica construtiva e calidade das murallas e documentar o imaxinario, a tradición oral, a microtoponimia e o rexistro documental histórico do xacemento.

Innovación divulgativa no eido da arqueoloxía
A iniciativa Torre dos Mouros busca ademais un relato da intervención arqueolóxica que sexa innovador, transmedia e adaptado aos públicos potenciais. E así que tal e como explican os seus promotores, trátase da primeira vez que un equipo de comunicación acompaña todo o tempo a un equipo científico durante o desenvolvemento do seu traballo e en cooperación e simultaneidade con el.

O obxectivo é facer chegar á cidadanía, de xeito transparente e entretido, o proceso científico que se vai seguir na Torre dos Mouros para tentar determinar a cronoloxía e funcionalidades do espazo, pero tamén para crear sinerxias culturais e turísticas que permitan rendibilizar socialmente a Torre dos Mouros desde o primeiro momento da intervención.

Nesa liña, a finais de setembro estará dispoñible un cómic sobre o lugar, que chegará de agasallo ás nenas e nenos de Carnota e poderase adquirir nas librarías de Galicia. Na web do Proxecto Torre dos Mouros podedes atopar máis información sobre como participar no voluntariado, seguir de perto as actividades ou planificar visitas ao lugar.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*