Dermatite Atópica: consellos e recomendacións xerais

Dermatite AtópicaAutoras: Eva Escribano Ceruelo. Pediatra de Atención Primaria. CS Barcelona. Móstoles. (Madrid). Mar Duelo Marcos. Pediatra de Atención Primaria. CS Guayaba. Área 11. (Madrid).

 

Que é a dermatite atópica?

A dermatite atópica (DA) é unha enfermidade inflamatoria crónica da pel, que cursa en brotes. O proído e a recorrencia das lesións son os datos esenciais para o diagnóstico. Existe unha marcada predisposición xenética (hereditaria). Débense establecer uns coidados axeitados para cada paciente e en cada momento: abrollo ou fase estable da enfermidade.

 

Se o seu fillo ten dermatite atópica ten que saber :

 

  • A maioría dos nenos presentarán mellorías e empeoramentos (brotes) que poden ser frecuentes (2-3 ao mes) e, en ocasións, case constantes.
  • Non existe na actualidade ningún tratamento curativo e a súa evolución é impredicible.
  • En xeral, os consellos deben ser individualizados en función da idade, as características das lesións, e deben adaptarse ás necesidades cambiantes segundo o curso da enfermidade.
  • Os coidados xerais da pel son fundamentais para o control dos abrollos e a súa repercusión sobre a calidade de vida. É imprescindible educar o paciente e os seus familiares no coidado da súa pel.
  • É difícil soportar unha enfermidade crónica. A meta é que o neno leve unha vida “normal”. Os pais han de proporcionarlles aos nenos unha contorna de agarimo e tranquilidade. Regañalo porque se rasca non resulta eficaz. A tensión emocional pode contribuír á gravidade dos brotes.
  • Os pacientes atópicos deben coñecer os factores desencadeantes, as medidas xerais de coidado e ter un plan de tratamento indicado polo seu médico.

 

 

Factores desencadeantes

 

  • Evitar o contacto con substancias que poidan desencadear proído.
  • Evitar o nylon, poliéster, a la virxe, os plásticos e as gomas en contacto directo coa pel, así como o exceso de roupa e o tabaco.
  • Algúns nenos con dermatite atópica, especialmente se teñen tamén outras enfermidades de tipo alérxico, como a rinite e a asma, poden desenvolver alerxia ao pelo de animais domésticos como o can, gato ou ratos.
  • En xeral, os brotes melloran no verán, posiblemente por unha maior exposición solar, e empeoran no inverno, primavera e outono. Nalgúns pacientes o seu curso é continuo, con leves remisións, se as hai.
  • O baño ou a ducha son adecuados para os nenos atópicos. Non existe un acordo xeral respecto da preferencia dun ou outro. Os baños con auga de mar adoitan ser beneficiosos.
  • Neste momento non existe unha dieta protectora. A dermatite, moi de cando en cando, débese a alerxia a algún alimento. Só debe excluírse certo alimento se hai unha clara relación entre a súa inxesta e os abrollos. Só en tales casos está indicada a realización de probas alérxicas.

 

Tratamento

 

Os emolientes (hidratantes) forman parte do tratamento de mantemento da sequidade da pel. Non deben empregarse se existen escoriacións (feridas na pel). Conteñen aceites, parafinas, vaselina, glicerina, lanolina, ceramidas, siliconas, urea e outros compoñentes. No mercado existe unha amplísima gama de produtos dirixidos a estes pacientes con gran variabilidade en tamaño e prezo. Aplicaranse un mínimo de 2 veces ao día.

 

Os medicamentos máis empregados son corticoides, de diversa potencia, en forma de cremas ou similares. Tamén hai outro tipo de medicamentos chamados inmunomoduladores, especialmente indicados na cara. É importante realizar os tratamentos segundo indique o médico, e, en xeral, recoméndase continualos até 2 días logo de remitir as lesións e, despois, seguir cos emolientes.

 

 

Onde atopar máis información en Internet

 

Unha revisión crítica (en inglés): http://www.sign.ac.uk/pdf/Eczema-draft.pdf

 

A Asociación Española de Familiares e Pacientes http://www.adeaweb.org

 

Protocolo de AEP: www.aeped.es/protocolos/dermatologia/dos/dermatopica.pdf

 

Unha revisión recente en español: www.pap.es/?id=15&idioma=ES&op=0&tipo=S

 

 

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*