Ponte no meu lugar: iguais pero diferentes

V Premio Solidario do Concello de Ferrol a Aspaneps por este proxecto de sensibilización.

‘Ponte no meu lugar: iguais pero diferentes’ é o proxecto da Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psicosociais (Aspaneps), distinguido nesta quinta edición do Premio Solidario. O obxectivo do galardón, cunha dotación económica de 5.000 euros, é premiar os esforzos de iniciativas e programas desenvolvidos no ámbito da solidariedade, a cooperación e o voluntariado

Aspaneps toma o testigo da Asociación para a Loita contra as Enfermidades Renais (ALCER), distinguida o pasado ano pola iniciativa “Salvavidas”, que tiña como obxectivo informar, concienciar e promover a doazón de órganos.

“Ponte no meu lugar: iguais pero diferentes” desenvólvese no ámbito xeográfico do Concello de Ferrol e os seus beneficiarios son os escolares dos centros educativos do municipio -desde 2008 ata a actualidade participaron activamente no mesmo unha media de 1.170 rapaces-. Na actualidade estase a estender a outros centros escolares da comarca e está á espera da colaboración da Deputación da Coruña para levarse a cabo en concellos como Narón, Cedeira, Neda, As Pontes e Mugardos.

O seu obxectivo é fomentar a tolerancia, solidariedade e sensibilidade social na poboación infantil de Ferrol coas persoas con diversidade funcional e nos distintos momentos do ciclo vital. Sensibilizar e fomentar nos nenos e nenas o respecto ante as diferencias individuais e os límites de cada persoa, promover a relación e cooperación con persoas con discapacidade como xeito de coñecerse e promover actitudes e condutas de aceptación e cooperación favorecendo a súa inclusión social son outros dos obxectivos que se perseguen con este proxecto, que se leva a cabo ao longo dunha semana en cada colexio participante.

Aspaneps coloca en cada un dos centros pósters, láminas didácticas e carteis, elaborados especificamente para este proxecto e situados en lugares estratéxicos apra traballar cos alumnos e introducir distintos aspectos relacionados coa discapacidade e a igualdade. Así, coa axuda dos educadores e monitores do proxecto realízase unha análise da realidade física e adaptativa do centro e sesións de cinefórum e dinámica de grupo para facer unha análise da nosa conduta cotiá respecto das diferenzas interpersoais. O proxecto complétase cunha xornada adicada á sensibilización en base ao traballo realizado e coa denominada “ruta da integración”. Esta consiste na realización dun itinerario por diversos obradoiros prácticos e lúdicos nos que os alumnos e alumnas do centro poden achegarse ás vivencias e ás dificultades das persoas con discapacidade e persoas maiores.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*