Comeza o novo programa de visitas educativas a Sogama

A experiencia, dirixida a estudantes a partir de 9 anos, acompáñase de diversas guías e recursos didácticos.

Son xa arredor de 55 mil as visitas recibidas nas instalacións da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), dende o seu inicio no ano 1999. Durante o pasado curso académico pasaron polo complexo medioambiental e rede de plantas de transferencia 2.100 escolares e universitarios, cifra á que habería que sumar as máis de 1.100 persoas pertencentes a outros grupos sociais tales como asociacións veciñais, representantes municipais, delegacións políticas e estranxeiras, etc, o que se traduce nunha cifra superior aos 3.200 visitantes. Cara a este curso 2012-2013, Sogama pon en marcha un novo ciclo de visitas á súa sede.

Subliñan desde Sogama os beneficios da integración desta visita no currículo como xeito de facilitar unha nova visión do problema que representan os residuos e a importancia de que os cidadáns asumamos as nosas responsabilidades. Isto é, consumir de forma sensata e racional co fin de satisfacer as necesidades reais e aproveitar ao máximo os produtos antes de que acaben convertidos en refugallos, participando igualmente na correcta segregación do lixo para posibilitar a súa posterior recuperación, ben a través da reciclaxe, nos casos en que así sexa factible, ben a través da valorización enerxética da parte non reciclable, labor que asume Sogama no seu complexo medioambiental de Cerceda.

Solicitude de visitas
Sogama pon a disposición dos interesados varias vías para tramitar unha visita. O contacto telefónico co Departamento de Comunicación ou ben o envío da solicitude a través do apartado de educación ambiental da páxina web da Sociedade www.sogama.es ou do correo cmc@sogama.es, constitúen as vías para obter información sobre o programa e o modus operandi en cada caso.

Co obxectivo de alcanzar a máxima rendibilidade da visita e que esta cubra as expectativas dos distintos colectivos, a empresa dispón de guías didácticas adaptadas a cada nivel educativo e orientadas á formación previa do alumnado antes de realizar o percorrido guiado. A pretensión é que os contidos das mesmas se traballen nas aulas, afianzando os coñecementos básicos en torno á axeitada xestión dos residuos e o cometido de Sogama. A información recollida nas mesmas compleméntase cunha serie de exercicios cos que os escolares poderán consolidar os coñecementos adquiridos.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*