Ser adolescente en Haití

Artigo de Lane Hartill, dende Porto Príncipe

Que significa ser adolescente en Haití?

Ben, todo depende.

Se os teus pais teñen medios, poderás ir a un colexio privado en Petionville, un barrio situado no alto dun outeiro en Porto Príncipe onde se concentran os mellores locais e restaurantes da cidade. Alguén che levará á escola. O teu uniforme será lavado con deterxente e lavadora e, cada día, levaralo á escola perfectamente co ferro perfectamente pasado.

Soa bastante normal, non?

Non o é. En Haití, esta vida é máis que un soño para a maioría dos nenos e nenas.

Se vas ao campo de desprazados de Gaston Margron, na veciñanza de Carrefour, atoparaste cunha familia completa de adolescentes; sen pais, son eles os que xestionan todo. Marclene, unha moza de 19 anos, actúa como nai de súas irmás. Comparte unha pequena e sufocante tenda de campaña coa súa irmá, Darline, que recentemente tivo un bebé, Marckensley. As dúas irmás dormen nun colchón sobre o chan, co bebé no medio. A irmá máis pequena, Mouna, dorme fóra da tenda, tamén sobre un colchón. A súa roupa, a dela e a de todas as irmás, colga sobre a parte exterior da tenda de campaña.

Cando as visitei, non tiñan diñeiro para deterxente; lavan a roupa nun gran barreño con auga. O mesmo no que, tamén, elas mesmas se bañan; tampouco teñen diñeiro para xabón, así que, simplemente, móllanse coa mesma auga.

As súas principais preocupacións son bastante básicas: comida, auga e onde durmir. Dependen de seu irmán, Ted, que vende bolsas de plástico con auga no mercado. Pero apenas saca uns peniques por cada bolsa, polo que ten que vender centos de bolsas para gañar uns dólares. Cóntame que consegue reunir 1 dólar ao día. Todo o diñeiro que teñen para vivir os catro irmáns e o bebé.

Sen renderse

A vida é dura, pero Marclene trata de non renderse. Reza moito, a súa Biblia, en creole, ten totalmente desgastados os bordos, e intenta manterse positiva. Como calquera mozo da súa idade, reuniu o diñeiro suficiente para comprar un móbil, pero atopar diñeiro para cargalo é algo practicamente imposible.

Moitos mozos e mozas, nenos e nenas, viven como Marclene e a súa familia. Non é unha vida fácil, pero aí están. Hai unha cousa pola que non se teñen que preocupar: a atención sanitaria. Save the Children conta con varias clínicas no campamento e ofrece coidado médico gratuíto para todos os habitantes do campo. Cada mes recibimos entre 4.500 e 5.000 persoas.

A pesar de que as noticias que chegan desde Haití son a miúdo nefastas, non debemos abandonar o país. Os haitianos non o fan, e esa debe ser a primeira lección que debemos aprender.

 

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*