Envíalle ánimos ás tres nenas tiroteadas en Paquistán por insistiren en ir á escola.
Ían cantando no autobús de volta da escola. Un home subiu e disparoulle a Malala, ferindo ademais a Shazia e Kainat, outras dúas rapazas que viaxaban no transporte. Só pola súa teima en seguir indo á escola, en contra das esixencias dos fundamentalistas relixiosos da rexión.
Por desgraza a escola de Mingora onde estudaban tivo que pechar ao aumentaren as ameazas recibidas polos talibáns. Por riba, movementos talibáns da zona fixeron unha declaración pública xustificando o atentado.
Mais non todo son malas novas, afortunadamente, Shazia e Kainat están ben e Malala recupérase agora nun hospital do Reino Unido, onde hai poucos días saíu á fin da coma. Mentres, en Paquistán, aumenta o sentimento anti-talibán logo do inxustificado ataque ás cativas. E malia as ameazas dos ultras relixiosos, milleiros de persoas manifestáronse en Peshawar en apoio de Malala e do dereito das nenas a iren á escola.
Desde Amnistía Internacional propóñenlle aos escolares que lle envíen mensaxes persoais a Malala, dándolle ánimos e desexándolle que se recupere axiña. Ademais, tamén na web de Avaaz, hai unha campaña en apoio de Malala que, con perto xa dun millón de sinaturas de internautas de todo o mundo, pídelle á administración paquistaní que reforce o seu compromiso coa garantía de seguridade e recursos para a educación e en especial a das nenas.
- Na BBC podedes consultar o blog que Malala Yousafzai escribía contando a súa experiencia
- Quen son os talibán? Información na Wikipedia
- Especial na BBC: Paquistán no caos
Nesta nova do New York Times podes ver un documental de Adam B. Ellick sobre a vida de Malala Yousafzai
Tamén vos pode interesar consultar os recursos que se viñeron publicando na sección de Igualdade de Botóns.
Educalia, é un centro de ocio educativo de Bertamiráns, aqui veñen nenos e nenas dende 2 ata 12 anos, tódalas semanas facemos obradoiros e actividades lúdico educativos. E fai uns días, con motivo da celebración do día internacional da nena, falamos de ti, Malala, do teú valor e da tua voluntade para que as nenas no teu país poidan estudiar, un dereito tan fundamental e tan necesario para formar persoas íntegras e capacitada.
Para ti, todo o noso ánimo, e en nome de todas nós, grazas por esa enerme entrega en pro da educación.
Mais Malalas para este mundo !!!!
Xunto con noso fillo vimos de enviarlle unha mensaxe a Malala a través da campaña de Amnistía. Creo que os dous nos emocionamos. Tan lonxe, pero tan cerca á vez desta nena. A solidaridade coas Malalas deste mundo é moi necesaria.