Sogama une así todas as iniciativas de concienciación e sensibilización social en materia ambiental.
O acrónimo “REACCION´S” (Rede de Educación Ambiental para a Acción, Sogama), dalle nome ao programa que se inclúe todas as actividades coas que a empresa pretende invitar á acción, corrixindo e solventando posibles prexuízos para o medio ambiente e a saúde das persoas ocasionados pola mala xestión dos residuos, pero tamén previndo e anticipando danos futuros. Este programa educativo dará cobertura dende agora ás iniciativas pedagóxicas que leva a cabo a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama).
Longa traxectoria de actuacións educativas
REACCION´S abrangue por exemplo o programa de visitas ás instalacións de Sogama, polo que pasaron 55 mil persoas (escolares, universitarios, expertos e profesionais do sector, asociacións, delegacións políticas e estranxeiras, etc), os cales teñen manifestado de forma reiterada os seus beneficios educativos. Tamén a campaña “Ti es a peza que falta”, camiño da sétima edición, ou o proxecto das illas de reciclaxe escolares, que arrancou a finais de 2011, e consolídase mediante a súa extensión a outra decena de centros, sumando un total de vinte.
O programa inclúe ademais as redes sociais de Sogama en Facebook, Twitter e Tuenti, bautizadas co lema “Por unha Galicia sostible, educación ambiental Sogama”, e que contan con máis de 6.500 seguidores, así como outras campañas tales como a aula da reciclaxe “Edúcaos na reciclaxe. Nas súas mans está o futuro de todos”, “Reduce, ti tes a chave” e o famoso xogo xigante dos residuos.
Os videocontos de aventuras “O Planeta Verde”, protagonizados pola familia Trebón, o proxecto multimedia interactivo “Aprende con Eco os tres erres”, o xogo interactivo “Separa para reciclar”, orientado a todo tipo de público, xa que conta con diferentes niveis de dificultade, os contos infantís para colorear “O envase churrusqueiro”, “Limpiña, a praia máis bonitiña” e “A papeleira feliz, sen orellas e sen nariz”, son outras actividades desenvolvidas por Sogama.
Iniciativas locais
Entre outras actividades desenvolvidas a un nivel máis local, salientan aquelas coas que se pretende frear o consumo desmesurado de bolsas plásticas non biodegradables, substituíndoas por bolsas reutilizables. E exemplos disto poderiamos atopalos en “Cando reciclamos, o mundo sorrí” ou “Esta bolsa está de moda”, campañas realizadas en colaboración coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, a Asociación Lugo Centrum e o concello de Melide, destacando igualmente “Contigo, ata o fin”, materializada conxuntamente coa Fundación Santiago Centro de Santiago de Compostela.