Museo do Mar: oferta didáctica para o curso 2012-2013

Os segredos do mar, a cultura mariñeira, velaquí as propostas do recinto museístico vigués.

“A casa dos vellos mariñeiros”. Nesta actividade os participantes transformaranse en pequenos mariñeiros e internaranse no particular mundo da cultura tradicional mariñeira de Galicia; vivirán unha experiencia que lle permitirá coñecer e practicar distintos medios de pesca, navegación e crenzas propias da cultura mariñeira, e, ademais, visitarán o acuario onde descubrirán algúns dos segredos que gardan os peixes e outros seres mariños que alí se atopan.
CURSOS: de 2º ciclo de infantil a 1º ciclo de primaria
DURACIÓN: 60– 90 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de outubro a xullo.

”Coñecendo a cultura tradicional mariñeira” Os participantes nesta actividade coñecerán de primeira man os asombrosos saberes, técnicas e medios de vida que foron acumulando xeracións de mulleres e homes que viviron e morreron con, en e para o mar en Galicia. 
A actividade inclúe unha visita guiada temática, onde os participantes transformaranse e auténticos mariñeiros tradicionais e experimentarán por eles mesmos diversos aspectos da vida cotiá destas xentes: como orientarse no mar sen medios modernos, técnicas de captura e conservación dos produtos mariños antes da era industrial, fabricación e uso de aparellos de pesca, etc.
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de outubro a xullo.

“Os segredos arqueolóxicos do mar” Tomando como punto de partida o xacemento castrexo do Museo, esta actividade ofrece a posibilidade de facer unha viaxe no tempo que revelará as complexas relacións entre os seres humanos e o mar, dende épocas remotas ata o medievo, amosando diversos aspectos relacionados coa navegación, o comercio, a pesca, a guerra, etc.
Ademais os participantes converteranse en arqueólogos e realizarán unha escavación arqueolóxica fielmente simulada, para despois traballar os resultados nun laboratorio científico, e, por último, empregando réplicas exactas, experimentarán por si mesmos algúns dos aspectos do traballo diario das xentes que viviron en época castrexa e romana.
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de outubro a xullo.

”Viaxe ao mundo submarino”. Nesta actividades experimentaremos e coñeceremos as distintas formas empregadas polos seres humanos para tentar conquistar o mundo submarino, coñeceremos as técnicas empregadas xa en Roma para somerxerse nas profundidades e iremos vendo como estas evolucionaron co paso do tempo; experimentaremos o que supoñía ser un submarinista no S. XIX, xa que nos poñeremos un casco de buzo do S. XIX e soportaremos o peso que estes mesmos buzos tiñan que soportar para poder somerxerse, veremos que ocorre cos gases que se respiran nas profundidades do mar e realizaremos, entre outras cousas, unha misión con submarinos teledirixidos.
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de decembro a xullo.

”O gabinete do naturalista” Viaxaremos dende o século XV ao XIX, para coñecer e experimentar como os primeiros científicos naturalistas comezaron a descubrir os fascinantes segredos do océano. ¿Como organizaban as expedicións?, ¿como vivían a bordo?, ¿que aparatos científicos empregaban?, decenas de preguntas cuxa resposta coñeceremos a través dos obxectos do Museo e que practicaremos no obradoiro específico co que finalizaremos a visita.
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 50 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de decembro a xullo.

“Escavando en Salinae”. Os participantes neste obradoiro converteranse en verdadeiros arqueólogos por un día; en primeiro lugar farán unha pequena vista á Salina para coñecer o espazo que están a visitar, a que se dedicaba e quenes eran as persoas que alí traballaban. Unha vez terminada a visita pasarán a realizar unha simulación dunha escavación arqueolóxica con todo o que ela implica, para así comprender as técnicas de investigación do pasado e o significado do que na escavación atopen.
E por último aproveitando o entorno da salina, realizarán unha experiencia que lles permitirá coñecer os métodos de conservación de los alimentos que se usaban na antigüidade
CURSOS: de 2º ciclo de primaria a bacharelato
DURACIÓN: 90 – 120 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 25 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de outubro a xullo.

“Descubrindo os segredos do pasado”. Os participantes comezarán realizando unha viaxe no tempo que lles levará á época romana, onde coñecerán de primeira man os segredos da salina e as persoas que nela traballaban, para posteriormente converterse en pequenos arqueólogos, que realizarán unha escavación na que descubrirán algúns segredos enterrados, e por último aproveitando o ámbito da salina, realizarán unha pequena experiencia que lles permitirá coñecer os métodos de conservación dos alimentos que se usaban na antigüedade.
CURSOS: de 2º ciclo de infantil a 1º ciclo de primaria
DURACIÓN: 60– 90 min. aprox.
Nº DE PARTICIPANTES: 25 máximo
DATAS DE REALIZACIÓN: de xaneiro a xullo.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*