Nova edición do Club de Debate

Organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos para promover o uso oral e público do galego entre a mocidade.

Son os concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo, a través do seus servizos de normalización lingüística (SNL), os que organizan conxuntamente esta nova edición do Club de Debate, unha actividade para fomentar o uso oral e público do galego entre a mocidade

O obxectivo é impulsar o uso da lingua galega cunha visión moderna, afable e útil desta e reforzando a súa estima. Procura activar o uso oral do idioma en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia entre os participantes durante todo o desenvolvemento da actividade).

Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos e tamén teñen moita importancia outras cuestións transversais como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.

O Club de Debate organízase como un torneo por equipos en fases locais, comarcais e galega nas que os participantes teñen que defender, por quendas, a posición favorable e contraria sobre o tema proposto consonte unhas estritas regras de funcionamento.

Máis información na web da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL) e na páxina en Facebook do Club de Debate

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*