Publicada unha guía práctica sobre consultas pediátricas frecuentes en farmacia comunitaria, realizada pola Sociedade Española de Farmacia Comunitaria (SEFAC) e a Asociación Española de Pediatría de atención primaria (AEPap).
Teño que comprar algún leite especial se o meu fillo ten diarrea? O neno come mal, habería que administrarlle un complexo vitamínico? O meu fillo ten febre, debo ir con urxencia ao médico? A estas e outras moitas preguntas responde a Guía práctica sobre consultas pediátricas frecuentes en farmacia comunitaria, realizada pola Sociedade Española de Farmacia Comunitaria (SEFAC) e a Asociación Española de Pediatría de atención primaria (AEPap).
O documento está dividido en cinco apartados: nutrición pediátrica; aspectos fisiolóxicos e
problemas de saúde relacionados coa nutrición e a alimentación; coidados da pel; dor,
patoloxías respiratorias e infeccións e, para rematar, outras cuestións de interese como, por exemplo, o uso de medicamentos.
A guía concíbese como un instrumento práctico para facilitar o labor dos profesionais
sanitarios, especialmente os farmacéuticos, pero tamén para reforzar a educación para a saúde de pais, nais e coidadores dos nenos, de forma que se poidan distinguir procesos que
necesitan derivación ao pediatra ou a urxencias dos que se poden resolver cunha indicación
farmacéutica ou un seguimento farmacoterapéutico na farmacia comunitaria.
A guía inclúe cuestións seleccionadas en cinco apartados:
1. Nutrición pediátrica (alimentación infantil nos dous primeiros anos de vida, alerxias ao leite de vaca, suplementos vitamínicos en lactantes, etc.)
2. Aspectos fisiolóxicos e problemas de saúde do neno relacionados coa nutrición e alimentación (diarrea, vómitos, cólicos do lactante, enfermidade celíaca, etc.).
3. Coidados propios da pel do nado (dermatite, pediculose, picaduras, costra láctea, etc.).
4. Dor e patoloxías respiratorias e infeccións en pediatría (febre, otite, infeccións das vías
respiratorias altas, asma, meninxite, patoloxía dentaria, etc.)
5. Outras consultas de interese (administración de medicamentos, enurese nocturna, hixiene do soño, vacinación, etc.).