‘Na Ponte’: Camiño dos vinte anos de Ponte… nas Ondas!

Libro, CD, DVD, web e mesmo un evento ao vivo na conmemoración desta exitosa iniciativa de posta en valor do patrimonio cultural compartido.

O vindeiro mes de maio de 2013 vanse celebrar as XIX Xornadas Ponte… nas Ondas, desta volta co lema ‘Ponte… a brincar!’, xa que á volta de xuño vaise celebrar ademais en Galicia o Encontro Europeo de Xogos Tradicionais. Camiño desa primavera e a piques de cumprírense os vinte anos do nacemento da iniciativa Ponte…nas Ondas! vén de presentarse, oficialmente no recente Culturgal, o proxecto ‘Na Ponte’.

‘Na Ponte’ é un traballo colectivo que xorde da vizosa actividade da asociación que toma nome da xornada de comunicación interescolar que se realiza anualmente. O proxecto suma moitas vontades: do alumnado, do profesorado, dos profesionais dos medios de comunicación, das emisoras de radio, de investigadores, antropólogos, educadores, “portadores/as do patrimonio”…

Libro+CD+DVD+web
Ao longo destes anos, Ponte…nas ondas! foi producindo e creando materiais en diversos formatos. Forman parte deste traballo: gravacións, textos, debuxos, fotografías, cancións, expresións do patrimonio común galego-portugués… un universo patrimonial que se foi realizando en diferentes momentos e contextos: aulas de escolas e institutos, teatros e salas de concertos, estudos de radio, museos, prazas e espazos públicos. Estes materiais teñen tamén teñen procedencias diversas: Galicia, Brasil, Angola, Mozambique ou Portugal.

O libro ‘Na Ponte’ inclúe textos e artigos de profesores e profesoras, xornalistas, antropólogos e artistas, material gráfico de Ponte…nas ondas! ou imaxes dos momentos máis intensos das actividades. Ademais, o CD fai un percorrido pola paisaxe sonora de Ponte nas Ondas, cun formato radiofónico conducido polas voces do alumnado e colaboracións de artistas de tres continentes: Chico César, Lenine, Margareth Menezes, Socorro Lira, Daniela Mercury, João Alfonso, Gaiteiros de Lisboa, Amélia Muge, Vozes da Rádio, Sérgio Godinho, Couple Coffee, Filipa Pais, Da outra margem, Luis Pastor, Uxía, X.M.Budiño, Treixadura, Pancho Álvarez, Narf, Guadi Galego, A banda de Poi, 2us, Xoán Curiel, Xiana Lado, Timbila Muzimba, Aline Frazão. O DVD contén o documental “Pontes nas ondas” realizado por Gus Abreu: un percurso audiovisual que achega a faciana poliédrica de Ponte…nas ondas! con múltiples testemuñas de varios países. Na web pode atoparse ademais un apartado específico de actividades e recursos para as aulas.

‘Na Ponte’, ao vivo
Na Ponte ao Vivo! é unha experiencia “radiovisual” ao vivo creada por Ponte…nas ondas!, PAI Música e Casa de Tolos.  Unha actividade dirixida á mocidade e que pretende achegar, dun xeito lúdico e divertido, ao mundo da radio, do audiovisual e das TICs. Baixo a dirección do locutor Xurxo Souto os rapaces e rapazas vivirán e participarán na realización e escenificación dun programa de radio en directo. Na web podemos ver imaxes da exitosa presentación do espectáculo no Culturgal: Na Ponte, ao vivo

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*